Thursday 21 de November de 2024

A Xunta impulsa a conexión entre empresas galegas emerxentes e talento universitario no marco da rede de polos de emprendemento


— Un total de nove empresas asesoradas na Rede de polos terán a oportunidade de colaborar con estudantes universitarios no marco dos seus traballos de fin de grao ou de mestrado

— O prazo de inscripción das persoas interesadas en participar permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de novembro

A Xunta de Galicia facilitará, en colaboración coa empresa U4IMPACT, que nove empresas galegas emerxentes asesoradas a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego conten coas achegas de estudantes universitarios para a posta en marcha dos seus proxectos, co obxectivo de seguir fortalecendo o ecosistema emprendedor da Comunidade.
A iniciativa permite, deste xeito, conectar empresas e talento universitario promovendo, por unha banda, que os estudantes teñan acceso a experiencias prácticas reais no marco da realización dos seus traballos de fin de grao ou de fin de mestrado -contactando con profesionais do seu sector e incrementando as posibilidades de contratación-; e, por outra banda, que as novas empresas poidan acelerar os seus proxectos estratéxicos sumando unha visión innovadora.
As empresas que compoñen a presente convocatoria, todas elas vinculadas coa innovación, son Senior Lingua, Galiwonders, AC8 Arquitectura, Lopróximo, Alas Educación, Skeirrum, Cervexas Píntega, Hangover of Fashion e Workfromgalicia.
Actualmente está aberto o prazo para que os universitarios interesados en participar se rexistren. Poderán facelo ata o vindeiro 25 de novembro e, a medida que as start ups identifiquen os candidatos máis axeitados, iranse pechando os proxectos. A inscrición pódese realizar a través da plataforma: https://www.ou4impact.org/
Impulso ao emprendemento
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa pública nada en xullo de 2022, presta, de maneira gratuíta, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo, pero quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico. A través das 14 oficinas activas na actualidade, situadas en diferentes localizacións do territorio galego, xa se atenderon a día de hoxe máis de 2.700 proxectos de emprendemento, entre as que predomina o sector servizos, seguido da hostalería e das actividades de comercio. Ademais, no conxunto das catro provincias, realizáronse máis de 7.400 titorías e preto de 1.000 actividades, como reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.