O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, José Antonio Cerdeira, ofreceu hoxe en rolda de prensa un balance da actividade do organismo durante o pasado ano
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) conseguiu repoñer ao longo de 2015 a legalidade urbanística nun total de 154 casos (81 en Pontevedra, 53 na Coruña, 14 en Lugo e 6 en Ourense). Dentro desta cifra, hai que destacar que máis do 90 por cento destas restitucións realizáronse de xeito voluntario.
O director da APLU, José Antonio Cerdeira, ofreceu hoxe en rolda de prensa un balance da actividade deste organismo durante o pasado ano, no que o ente consolidou a súa actividade e prestou especial atención á protección do Camiño de Santiago.
Durante a súa comparecencia, recordou que a APLU é un ente de dereito público, que ten encomendado o control da legalidade urbanística en Galicia en relación cos actos e usos do solo realizados en solo rústico, e que sexan prohibidos ou suxeitos a autorización autonómica, así como na servidume de protección do domino público marítimo-terrestre.
Ademais, grazas á súa natureza consorcial, os concellos galegos poden adherirse á APLU de xeito voluntario, cedéndolle o resto de competencias que lles corresponden por lei en materia urbanística. Actualmente, hai 62 concellos adheridos (22 na Coruña, 20 en Ourense, 11 en Pontevedra e 9 en Lugo).
En todo caso, Cerdeira recordou que a Axencia intervén en “todos os concellos de Galicia en materia de solo rústico e na servidume de protección do litoral e, no caso dos concellos adheridos, asume a maiores as competencias que lles son propias”.
Así, as principais actuacións da Axencia baséanse en: inspección urbanística e tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores; asistencia técnica e xurídica aos concellos adheridos; e formación e concienciación cidadá, a través de colaboración formativa coas universidades galegas, os colexios profesionais, e a formación de empregados públicos.
Cerdeira subliñou que o obxectivo da APLU é velar por un uso racional do solo e pola “protección do noso territorio, da nosa paisaxe”. Por iso, a Axencia ocúpase de repoñer a legalidade urbanística “en cada recuncho que se vai ocupando ilegalmente”. Grazas a este traballo, desde 2009 repúxose a legalidade de preto de 600 expedientes que reflectían ocupacións ilegais.
Balance en 2015
O director da APLU realizou un balance detallado da actividade rexistrado o ano pasado. Ao respecto, precisou que as 154 reposicións executadas supuxeron a maior cifra desde 2010. Con respecto a 2014, producíronse 25 reposicións máis.
Cerdeira destacou que, ademais das reposicións executadas de forma efectiva, tamén se pode facer balance dos expedientes administrativos de reposición da legalidade resoltos o pasado ano. En canto ás causas de inicio destes expedientes, o 41% deles foron iniciados pola APLU; o 23% por concellos; o 22 por cento por particulares; o 10% por Costas; e o 4% restante por outras autoridades.
En concreto, en 2015 resolvéronse 367 expedientes ao abeiro da Lei 9/2002 de ordenación urbanística; e outros 49 ao abeiro da Lei de Costas, por estar en zona de servidume de protección de dominio público marítimo-terrestre. En ambos casos, trátase das cifras máis elevadas desde a constitución da Axencia.
Pola contra, as multas coercitivas impostas –de acordo ao fixado pola normativa- amosan unha tendencia inversa, e en 2015 foron inferiores aos dous anos anteriores, o que reflicte unha maior concienciación cidadá á hora de restituír os valores do noso territorio e da nosa paisaxe. En concreto, o pasado ano impuxéronse 520 multas, fronte ás 550 de 2014 ou as 586 de 2013.