Nestes momentos están en marcha as obras das vías que enlazarán coa estrada de Razo á altura da rotonda do Muíño da Pintura e con Oza
O Concello de Carballo realiza un investimento de máis de 650.000 euros na mellora das comunicacións co polígono industrial de Bértoa. Nestes momentos están en marcha dous importantes proxectos, entre eles o acceso norte que viña demandando o empresariado local e que está a executar a empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 118.175,47 euros.
O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras, Luis Lamas, e Contratación, Ramón Varela, realizaron unha visita ás obras, que se desenvolven nun treito de 370 metros, desde o polígono ata a vía municipal que conecta varios núcleos da parroquia de Oza coa estrada provincial DP-1909. A nova conexión terá 7,5 metros de ancho, con pavimento de aglomerado en quente, e estará habilitada para o tránsito de vehículos pesados, tal como solicitaba a asociación de empresarios do polígono.
A outra gran actuación en marcha, que executa a empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 541.218 euros, é a vía que enlazará a rotonda do polígono coa que está situada na estrada de Razo á altura do Muíño da Pintura. Esta nova estrada permitirá desconxestionar a AC-552, que nese ámbito ten unha intensidade media diaria de máis de 15.000 vehículos, sobre todo no horario de saída dos traballadores e traballadoras do parque empresarial.
Agora mesmo está en execución unha primeira fase, desde o polígono ata a avenida dos Abetos e a rúa Médico Justo Martínez, a través dos cales crearase un itinerario alternativo de 800 metros de lonxitude e case 14 de ancho, o que permitirá habilitar dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía. O proxecto inclúe tamén alumeado e a plantación de 35 árbores.
Nesta primeira fase tamén se inclúe o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, coa roza de 1.260 metros cadrados e a explanación de 105 metros lineais que se atopan na actualidade en saburra para acometer a posterior pavimentación.
Aínda que a vía ocupará case 14 metros, a explanación realizouse cunha anchura de 24 metros, xa que tamén quedarán minimamente acondicionadas con xabre as zonas que se ocuparán no futuro, cando se execute a urbanización do sector coas beirarrúas e servizos urbanísticos que corresponden ás mazás de uso residencial e comercial lindeiras coa vía.