Friday 22 de November de 2024

Conclúen os traballos de restauración do monumento ao intelectual Alexandre Bóveda, en Catro Camiños


Os traballos sobre a obra do artista Francisco Pérez Porto foron coordinados por Carme Romero, discípula e especialista no ideoleto do fenés

O Concello da Coruña concluiu esta semana os traballos de restauración do monumento a Alexandre Bóveda, localizado na praza de Xosé Toubes. Ademais das actuacións previstas no proxecto de restauración, o Goberno de Inés Rey acondicionou a contorna cunha nova superficie axardinada arredor do Monumento, co obxectivo de poñelo en valor. Esta está formada por seis tipos de plantas: Herba das fontes, xeranio de flor azul, salvia dos pantanos, semprevivas, bambú sagrado anano e violetas dos alpes.
O monumento, obra do artista Francisco Pérez Porto, inaugurouse no 2008 en homenaxe ao intelectural e referente galeguista coa celebración dun acto público no que participaron numerosas persoas recoñecidas do mundo da cultura galega. Pérez Porto, natural de Fene e colaborador en Sargadelos desde o ano 1984 con Isaac Díaz Pardo, conta con intervencións destacadas como a creación dos elementos sinaléticos do Camiño Francés en Galicia, de Pedrafita a Santiago.

A escultura restaurada presentaba pequenas patoloxías como acumulación de depósitos de po e sucidade ou adherencia de liquens, froito da súa localización ao aire libre, así como pintadas ou elementos faltantes. O Concello da Coruña acometeu unha limpeza integral da peza e reintegrou os elementos inexistentes. Ademais, acondicionou pintou a base-peana e recuperou a gama cromática orixinal. Os traballos foron coordinados pola restauradora Carme Romero, discípula e especialista en cerámica e idiolecto artístico do fenés.

O monumento mostra unha imaxe compositiva dividida en catro alturas a través da que se simboliza a loita polos ideais galeguistas de Bóveda. “O monumento a Alexandre Bóveda supón o recoñecemento da cidade a un dos intelectuais de cabeceira do galeguismo. Acondicionar esta peza pon de manifesto o compromiso deste Goberno local non só co patrimonio histórico e monumental senón coa propia cultura galega”, sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.