Friday 22 de November de 2024

As alcaldesas e alcaldes da comarca acordan esixir máis frecuencias e novas liñas de buses para renovar o convenio coa Xunta


As alcaldesas e alcaldes dos concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada reuníronse esta tarde na Casa do Concello de Oleiros e acordaron solicitar unha reunión co conselleiro de Presidencia e as empresas concesionarias para reclamar de forma conxunta a subsanación inmediata dos graves problemas existentes no transporte público.

Segundo o acordado, os concellos de Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada só renovarán o convenio de transporte coa Xunta de Galicia que finaliza o próximo 9 de decembro se se produce un incremento inmediato de frecuencias nas liñas saturadas e se crean outras novas. Os concellos tamén reclamarán que o novo convenio contemple a posibilidade de prolongar novas liñas do bus urbano da Coruña, especialmente a creación do denominado bus da ría que circunvale as localidades de Culleredo, Cambre e Oleiros pegadas á ría do Burgo. Outra das demandas é que se elimine o intercambiador da Valexa.

Estas son as condicións que establecen os concellos para renovar un convenio, que se vén prorrogando desde o 2005 e que a día de hoxe quedou totalmente obsoleto. “Non estamos dispostos a pagar por algo que non funciona. Queremos solucionar o problema”, dixo o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane.

A reunión desenvolveuse nun clima de total cordialidade entre os alcaldes e alcaldesas participantes, adoptando todos os acordos por unanimidade co obxectivo común de mellorar o desastroso servizo actual de transporte na comarca da Coruña.