O Concello de Brión vén de asinar un convenio de colaboración co Servizo Agrario Galego da Xunta de Galicia (SEAGA) para que esta entidade realice a inspeccións e, no seu caso, levante as correspondentes actas e informes sobre as parcelas sen limpar no perímetro dos distintos núcleos de poboación do municipio.
O organismo autonómico iniciou xa os traballos de inspección destas faixas secundarias coa finalidade de aumentar as condicións de seguridade das aldeas ante os riscos de incendios forestais. Serán inspeccionadas milleiros de fincas que están situadas no perímetro dos 50 metros arredor dos núcleos, para realizar un inventario do estado no que se atopan.
Unha vez realizado, o Concello iniciará o proceso de notificación ás persoas propietarias das mesmas que non cumpran coa obriga de manter as parcelas limpas e libres de maleza ou especies pirófitas. Se tras os requirimentos municipais as propietarias non actúan, será o propio SEAGA quen acometa a limpeza e roza dos predios de xeito subsidiario, emitindo a factura e a sanción á persoa ou persoas propietarias deses terreos.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, lembra que nos últimos anos o Concello de Brión estivo informando convenientemente á veciñanza tanto de forma xeral, a través de bandos municipais e outras iniciativas, como de forma individualizada, a través de requirimentos previa denuncia de particulares nas que se outorgaba tamén un prazo para a limpeza destas faixas.
“Agardamos que este convenio nos axude a poñer fin á situación de risco que padecen moitas das nosas aldeas por falta de limpeza de parcelas privadas, xa que o Concello de Brión non dispón de medios suficientes para proceder á execución subsidiaria”, indica Pablo Lago.