Friday 22 de November de 2024

O concello adxudica o contrato da iluminación de Nadal


Investiranse 82.000 euros nas dúas próximas anualidades, incluíndo tamén o servizo nas festas de Entroido.

O Concello vén de adxudicar a prestación do servizo de iluminación ornamental para as festas de Nadal.
A empresa larachesa Instalaciones Eléctricas Cabliseña, con sede en Paiosaco, resultou adxudicataria do contrato que terá dous anos de vixencia -un prorrogable por outro máis- e un valor de 82.000 euros por ambas anualidades.

Neste Nadal reforzaranse os elementos ornamentais nos principais puntos de referencia do termo municipal, como son a Praza do Concello, o campo da feira de Paiosaco e a praza Eduardo Vila Fano de Caión, así como noutros emprazamentos tales como os parques O Recreo e Maximino Canedo da capital municipal. Tamén se decorarán con motivos do Nadal, como é habitual nesas datas, outros espazos públicos e as principais rúas dos tres núcleos urbanos.

Ademais, o contrato inclúe o servizo de iluminación ornamental para as festas do Entroido, que en 2025 caerán a primeiros do mes de marzo.