A compra farase cun préstamo de 150.000 euros que deberá devolverse, sen xuros, nun máximo de oito anos.
O Executivo local critica que a axuda, como parte do Fondo de Cooperación Local, se faga efectiva como préstamo e non como subvención nominativa ou transferencia directa
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e o Solo e o Concello que lle permitirá á Administración Local facerse coa propiedade da coñecida como “Nave de Carnero”, que alberga as dependencias de Obras e Servizos. O acordo supón o acceso a un crédito por importe de 150.000 euros financiado polo Fondo de Cooperación Local que deberá devolverse sen ningún tipo de xuro en oito anualidades. O alcalde cualificou a sinatura do acordo como “un paso importante” de cara á futura restauración funcional e paisaxística da parcela, pero tamén criticou que a Xunta “denomine como axuda o que en realidade é un préstamo feito con cartos que deberían transferírselle aos concellos, posto que esa é a finalidade do Fondo de Cooperación”.
A nave en cuestión, de 924 m² construídos, está situada nunha finca no lugar do Outeiro de 9.752 metros de superficie. O edificio principal ergueuse en 1985 para albergar un criadoiro de polos, actividade á que se dedicaría durante varios anos ata ficar baleira. Andando o tempo, o Concello interesouse polo inmoble como base operativa do departamento de Servizos e Obras e, nese sentido, subscribiu hai arredor de 25 anos un contrato de alugueiro co propietario, xa falecido.
Desde que se iniciou o arrendamento, as instalacións da nave utilizáronse como almacén de ferramentas, mobiliario urbano e outros materiais, ademais de ser o lugar onde se atopan os vestiarios do persoal da brigada de obras e onde quedan estacionados os camións e tractores municipais.
O Concello aprobou en pleno e por unanimidade no mes de agosto concorrer a unha liña do IGVS, nutrida co Fondo de Cooperación Local, que se convocou co obxectivo de colaborar cos municipios na compra ou rehabilitación de inmobles para usos públicos.
Hai algo máis dun mes, a Xunta resolveu favorablemente sobre o proxecto presentado polo Concello de San Sadurniño que, segundo o alcalde, Secundino García Casal, busca “facerse coa titularidade dos terreos e da nave para poder levar a cabo máis adiante melloras tanto nas instalacións como na propia contorna, situada na entrada sur ao casco urbano e moi preto do paseo fluvial do Xubia”.
Consonte o convenio de colaboración asinado esta mañá polo rexedor e a conselleira do ramo, o Concello accederá a unha liña financeira por importe de 150.000 euros -prezo no que se pechou o acordo de compra coa propiedade- que deberá devolverse sen xuros no prazo máximo de 8 anos, entre 2025 e 2032, a razón de 18.750 euros anuais que cumprirá ingresar na conta do IGVS cada mes de setembro. Cabe a posibilidade, iso si, de que o consistorio faga unha cancelación anticipada total ou parcial que, neste último caso, non poderá ser cunha achega inferior a 50.000 euros, salvo que a contía pendente sexa menor.
Se por calquera circunstancia o Concello non cumprise con algún dos prazos, a Xunta resérvase o dereito de reterlle axudas ou outros ingresos a conta. Con todo, se fose a Xunta quen lle debese algo ao Concello, este non podería compensar o cobro facéndolle a conta na man coa débeda do préstamo.
“Poderíamos mercar a nave e os terreos de Carnero con fondos municipais. Pero a opción dun crédito a oito anos e sen intereses é unha opción moito máis cómoda para as arcas municipais e é un paso importante de cara á rehabilitación integral de toda a zona”, comenta Secundino García ao tempo que engade, como crítica, que ao Executivo local lle tería gustado “que os cartos viñesen en forma de subvención nominativa” ou como “reforzo” das transferencias do Fondo de Cooperación Local.
“A Xunta denomina como axuda o que en realidade é un préstamo feito con cartos que deberían transferírselle aos concellos, posto que esa é a finalidade do Fondo de Cooperación. Visto así, a única axuda que temos é a dos intereses bancarios que pagaríamos se se tratase dun préstamo normal, algo que tamén aforraríamos se nos transferisen directamente os cartos, como debería ser”.
O ingreso dos fondos comprometidos no convenio asinado en Santiago esta mañá farase efectivo nos próximos días, momento no que o Consistorio poderá iniciar o procedemento de compra da nave e os terreos aos que fai referencia o acordo.