Friday 22 de November de 2024

A asemblea da ARD Ría da Estrela elixe a Santiago Freire Abeijón como novo presidente


A nova directiva aposta por dar un novo impulso ao Xeodestino Ría de Muros Noia e a súa marca turística A Ría da Estrela.

A Asociación Rural de Desenvolvemento Ría da Estrela celebrou unha asemblea xeral ordinaria na casa consistorial de Lousame para elixir nova xunta directiva. Un procedemento ao que se presentou unha candidatura única e de consenso por parte dos cinco concellos integrados na ARD e dos distintos partidos políticos representados (PP, PSOE, BNG e Compromiso por Outes).

Unha candidatura encabezada polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, quen será o presidente da ARD Ría da Estrela, sucedendo así a Teresa Villaverde Pais, tal e como fixera na Presidencia da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia o pasado mes de agosto. Deste xeito mantense a tradición de que unha mesma persoa asuma a Presidencia de ambas as dúas entidades, ARD e asociación, para facilitar a coordinación e o establecemento de sinerxias entre elas.

Freire Abeijón tivo palabras de agradecemento para a presidenta saínte, “que estivo todos estes anos facendo un gran labor e marcando unha liña de traballo fiable e de éxito á que agardamos dar continuidade para seguir crecendo como xeodestino, pero sempre centrados no noso valor fundamental, na nosa esencia, que é a Ría da Estrela, a nosa gran fortaleza e o que nos diferencia doutras propostas”.

Xunta directiva

Freire Abeijón seguirá estando acompañado na xunta directiva da ARD Ría da Estrela por:
– María Lago Lestón, alcaldesa de Muros, como vicepresidenta
– Luís Oujo Pouso, alcalde de Porto do Son, como tesoureiro
– Manuel González López, alcalde de Outes, como secretario

A eles únese agora Teresa Villaverde Pais, alcaldesa de Lousame, como vogal. Todos eles tomaron parte da asemblea xeral ordinaria celebrada no salón de plenos de Lousame, se ben a alcaldesa de Muros participou de forma telemática.

Todos coincidiron en recoñecer o traballo realizado pola presidenta saínte, baixo cuxo mandato a ARD Ría da Estrela foi quen de facer que estes cinco municipios (Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son) comezaran a funcionar como un destino turístico conxunto, coa creación do Xeodestino Ría de Muros Noia, e de poñer en marcha e impulsar o Camiño a Santiago da Ría Muros Noia, especialmente nos seus inicios, xa que ata o 2019 non se constituíu a asociación.