— O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentan a programación que, desde o ano 2014, ofrece propostas para a divulgación científica
— Ao longo do mes de novembro haberá obradoiros, exposicións, contacontos, conferencias e experimentos para todos os públicos
— Os centros educativos tamén acollen iniciativas variadas para sensibilizar aos máis cativos no uso da lingua galega na literatura deste eido
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe na presentación das máis de 40 actividades impulsadas pola Xunta de Galicia para celebrar en novembro o Mes da ciencia en galego na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas dos centros educativos. O obxectivo desta iniciativa, que se celebra de xeito consecutivo desde o ano 2014, é sensibilizar sobre o valor de empregar a lingua galega na divulgación científica.
Na presentación da programación, que se celebrou na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, os representantes do Goberno galego destacaron a importancia desta efeméride para “a difusión da ciencia a través dos libros e dos recursos en galego que están á disposición dos lectores”. Ademais, salientaron “a necesidade de trasladar este coñecemento aos máis cativos a través dos centros educativos, tal e como facemos con este programa”.
Unha ampla axenda científica
As bibliotecas xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollerán máis de 40 propostas a prol da divulgación científica. Deste xeito, haberá obradoiros de robótica, de astronomía, de arquitectura ou maxia, así como escape-rooms, mostras bibliográficas, charlas, contacontos e exposicións. As actividades celebraranse durante todo o mes de novembro e poden consultarse nas páxinas web dos respectivos centros.
Ao mesmo tempo, os centros educativos de primaria e secundaria desenvolverán, ao abeiro desta programación, unha serie de iniciativas como publicacións, conferencias, exposicións de proxectos, xogos interactivos, podcast ou concursos para incentivar o traballo en equipo e para que os estudantes teñan a oportunidade de interactuar con estes conceptos e coa tecnoloxía. Para levar a cabo todas estas citas, o Goberno galego impulsa a colaboración entre os equipos de dinamización lingüística e as bibliotecas escolares.
Como complemento ás iniciativas, o Goberno galego tamén ten aberto un portal web no que se atopan unha selección de materiais científicos e libros de non ficción en lingua galega. Ademais, impulsarán o programa Biblioteca Creativa e un concurso de traballos por proxectos, ambos co obxectivo de fomentar a aprendizaxe e a colaboración entre o alumnado e o profesorado.