Pantasmas, morcegos ou personaxes de medo de debuxos animados protagonizan a decoración que loce o CAD situado na Pobra do Caramiñal polo Samaín.
Novamente, persoas usuarias do centro ocupacional puxéronse mans á obra para que non falte detalle á entrada do centro. Trátase dunha das actividades levadas a cabo ao abeiro do convenio con DS Smith Cartogal para levar a cabo o proxecto educativo e medioambiental que pon o foco na contorna como elemento terapéutico. Por iso, ademais da ornamentación feita con cartón doado pola referida empresa, tamén se deseñaron actividades sensoriais arredor do outono. Colléronse así elementos da natureza para confeccionar xogos co obxectivo de traballa-la estimulación sensorial.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, felicita á rapazada, persoal e voluntariado por este tipo de accións que “potencian a súa creatividade e permiten que esta instalación municipal presente curiosos aspectos segundo a época do ano”. Nesta liña, adianta que, en vindeiras datas, xa se mergullarán na creación dos elementos decorativos para o Nadal. Quere tamén agradecer a DS Smith Cartogal o seu compromiso que se materializou a través do referido convenio e a doazón do cartón empregado como base dos elementos decorativos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.