O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, mantivo hoxe unha xuntanza cos grupos de traballo de protocolos da Policía Local de Galicia
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor mantivo unha xuntanza cos grupos de traballo de protocolos da Policía Local de Galicia co obxectivo de avanzar na súa implantación.
Durante a reunión tratouse a implantación destes instrumentos de traballo para unificar criterios de actuación da policía local para que poidan constituír a súa guía de traballo diario e axudar no seu labor.
Para a implantación destes protocolos constituíronse tres grupos de traballo formados cada un por dez policíaS de diferentes localidades de Galicia.
O grupo de seguridade cidadá está redactando, entre outros os protocolos de violencia de xénero , menores, primeiros auxilios, incendios, atracos a establecementos ou roubos.
Ao grupo de Policía administrativa correspóndelle os protocolos de ruídos, medio ambiente, policía urbanística, patrimonio histórico, animais potencialmente perigosos ou accidentes laborais.
O grupo de seguridade viaria, pola súa banda, elabora os protocolos de intervención en accidentes, seguridade viaria, alcoholemias e drogas ou transportes, entre outros.
Por outra banda, durante a reunión informouse de que a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) está a traballar nunha nova páxina Web onde se poderán aloxar ditos protocolos cunha clave de acceso.
Tamén se tratou a posibilidade de que a Policía Local conte cunha futura Central de Información en colaboración coa Agasp onde poder aloxar e unificar a diferente información para o seu uso diario pola Policía Local de Galicia