Saturday 02 de November de 2024

O BNG consegue axilizar a actualización da catalogación catastral e do valor da AP-9


A actualización do valor catastral incrementaría a recadación municipal por IBI

O Pleno da Corporación votou a favor por unanimidade.

O PP argumentou que a asociación de concellos afectados debería tomar a iniciativa, mais a vía proposta polo BNG axilizará o trámite.

O Concello de Culleredo reclamará, grazas ao BNG, a revisión dos datos catastrais da autoestrada AP-9 e o seu valor á Dirección Xeral do Catastro, buscando así dispoñer dunha nova base impoñible o 1 de xaneiro de 2025 para aplicar o Imposto de Bens Inmobles –IBI– e que pague o que que lle corresponde.

Como admitiu o alcalde, a recadación actual do Concello de Culleredo polo Imposto de Bens Inmobles da AP-9 pasou dos arredor de 6.000 euros en 2023 a uns 110.000 euros en 2024 ao desaparecer o 95% de bonificación da que viña desfrutando AUDASA desde o inicio da concesión pero de actualizarse o valor catastral incrementaría esa recadación para a facenda municipal.

O Pleno da Corporación cullerdense aprobou a proposta por unanimidade a pesar de que o PP poñía pegas nun primeiro momento. Argumentaron que se continuara a petición xunto coa asociación de concellos afectados pola autoestrada encabezados polo alcalde de Abegondo, quenes nos seus comunicados din promover unhas medidas semellantes. En realidade esa asociación aínda non existe pero, ademais, agardar pola creación e legalización da asociación engade trámites burocráticos que poden facer que os resultados se adíen no tempo, polo que o beneficio tardaría. Tono Chouciño respondeu, tamén, que ese anuncio xa se fixo en xaneiro sen que se tivera feito nada ata o momento e tamén que ambas vías non son incompatibles xa que o acordado pola iniciativa do BNG axilizará os trámites para poder contar co novo valor o 1 de xaneiro de 2025.

Hai que lembrar que, actualmente, os terreos da autoestrada que cruzan o concello están catalogados como clase rústica e o seu uso principal consta como agrícola. Obviamente iso dista moito da realidade. E, por outra banda, procedería unha revisión da información catastral cada vez que a AP-9, como BICE, tivo algún cambio sustancial. Así debería ter sido, por exemplo, despois da ampliación da Ponte de Rande, da construción dos accesos á Cidade da Cultura, da adaptación para circunvalar a cidade de Santiago de Compostela ou da ampliación ata Ferrol pero a realidade é que desde o ano 2007 non se actualizou o valor da autoestrada, inexplicablemente, polo que urxe a regularización e actualización do valor.

Tal como lembrou Tono Chouciño o catastro non ten tanta consideración cando se trata de bens dos cidadáns pois regularizounos hai poucos anos incluso con inspeccións a través de drons e imaxes de satélite, polo que o BNG esixe igualdade de trato.

Deja un comentario