Ambar xunto a entidade sen ánimo de lucro Concomitentes precisan do voto popular para acadar o apoio para desenvolver un proxecto artístico participativo que axude a lograr a vida independente en comunidade das personas con diversidade funcional.
A Fundación Internacional Art Explora ubicada en Francia e que procura o encontro entre a arte e as comunidades locais ven de seleccionar o proxecto de Ambar e Concomitentes como un dos dez finalistas do seu prestixioso Premio europeo. Na web de www.artexplora.org poderase votar para acadar un premio de 10.000 euros que axudará a desenvolver un proxecto artístico participativo que beneficiará ás persoas con diversidade da comarca da Barbanza.
Ambar é unha entidade declarada de Utilidade Pública que traballa dende 1982 Impulsando Vidas Independentes en Comunidade. Entre as accións que desenvolve están servizos de atención diúrna, formación e emprego con apoio así como accións vencelladas ca arte, como foi o festival Mar Diverso, ou as diferentes pezas escénicas do grupo de mulleres “Elas”. No camiño emprendido pola entidade nestes 42 anos de existencia foi acreditado con normas de calidade que amparan a súa proposta de valor de conectar ás persoas con diversidade cos recursos da comunidade asegurando a persoa decide a vida que quere vivir en comunidade.
Nesta ocasión a entidade dá un chanzo máis na súa aposta por artellar a vida independente en comunidade das persoas con diversidade funcional aliñándose con Concomitentes, unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve proxectos artísticos partindo de demandas cidadás en toda España. Esta entidade forma parte de rede europea New Patrons que ten creado dende 1990 máis de 500 obras de arte atendendo a demandas cidadás.
As dúas entidades presentáronse ao Premio europeo de Art Explora e veñen de ser seleccionadas como finalistas co proxecto “Obxectivo: Vidas Independentes”. A través deste proxecto ambas entidades queren iniciar un proxecto artístico participativo cos usuarios do centro e a veciñanza do Barbanza, coa intención de buscar máis complicidades cos veciños e veciñas e xerar unha co-responsabilidade social que permita acadar a misión de lograr unha vida independente pero en comunidade das persoas con diversidade funcional.
Este proxecto que tería unha duración dun ano e medio permitiría por un lado lanzar un proxecto participativo con sesións públicas coas que explorar o desexo colectivo de que significa a vida independente, para logo un artista de renome internacional poda desenvolver unha obra de arte que atenda a este desexo que emana do proceso artístico.
A través do voto popular que esta aberto dende o 29 de outubro na páxina web de www.artexplora.org poderase apoiar este proxecto. De ser gañadores obterán 10.000 euros o que poderá axudar a desenvolver un proxecto pioneiro na arte que combina participación e plena inclusión.