A alcaldesa destacou a diversidade e a esixencia do deporte coruñés para acadar grandes éxitos coma este
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita ás xogadoras e corpo técnico de Fillas de Breogán tras proclamarse campioas do campionato Paneuropeo de fútbol gaélico feminino na categoría ‘Intermediate’. A rexedora felicitounas por este segundo campionato europeo, que xa acadaran no ano 2019. Fillas de Breogán gañaron o torneo ante Nantes por 10-8.
“Este novo éxito do deporte coruñés amosa o diverso que é o noso tecido deportivo e o esixente que é en todas as competicións nas que participan os seus conxuntos e deportistas”, sinalou a alcaldesa. As integrantes de Fillas de Breogán compartiron con Inés Rey as súas impresións sobre o torneo e de cara á presente tempada, na que esperan competir polo título de campioas de liga.
Este triunfo supón un novo éxito da entidade, que é todo un referente a nivel galego. Ademais, Fillas de Breogán conta con tres campionatos de liga, tres Copas de Galicia, o trofeo All Galicia e tres Torneos Ibéricos.
“Desde o Concello cremos que grazas á nosa ampla e renovada infraestrutura deportiva contribuímos enormemente nestes éxitos, acompañando a clubs e deportistas na súa preparación e competición”, indicou Rey. O campionato Paneuropeo tivo como sede A Coruña no ano 2022, celebrándose en diferentes instalacións deportivas de titularidade municipal, como a cidade deportiva Arsenio Iglesias, e contando coa colaboración do Concello na organización.