Os beneficiarios teñen de prazo ata o 30 de novembro para xustificar a bolsa de estudos.
Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar as axudas municipais á escolarización a proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas avaliou e cualificou a totalidade das solicitudes presentadas.
A lista de bolseiros estará dispoñible para a súa consulta a partir de mañá na web municipal www.alaracha.gal, onde tamén poderá descargarse o documento para xustificar a axuda. O prazo para facelo remata o 30 de novembro.
A convocatoria deste ano está dotada cun total 75.000 euros que o Concello destina a cooperar cos 357 beneficiarios e as súas familias ante os gastos que implica o inicio do curso escolar.
A contía das axudas é de 165 euros (80 becas) para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros (204 becas) para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros (40 becas) para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros (20 becas) para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros (38 becas) para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster).
Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.