Para protexer e conservar o patrimonio natural, o Concello está a intensificar o control das talas no municipio. Durante os últimos meses impuxéronse 140.000 euros en sancións a madeireiros que fixeron talas sen licenza municipal.
Para evitar multas, os veciños e veciñas deben asegurarse de que os madeireiros aos que lles venden a madeira dispoñan da licenza municipal e actúen conforme á ordenanza. En moitos casos tamén se están a producir talas en montes privados sen ningún tipo de acordo previo coas persoas propietarias, que deben denunciar os feitos na Garda Civil e poñelo en coñecemento do Concello.
O Plan xeral e a Ordenanza de talas do Concello de Oleiros determinan a obrigatoriedade de obter a correspondente licenza municipal para poder iniciar unha tala en Oleiros, independentemente da licenza da Xunta de Galicia. Ademais é necesario cumprir coas condicións establecidas polo Concello en relación a aspectos tales como a reforestación, o coidado dos camiños ou a presentación de avais.