Friday 22 de November de 2024

O Concello pon en marcha a nova fase da reurbanización integral do grupo de vivendas de María Pita, en Labañou


Levarase a cabo un investimento de algo máis de 812.000 euros para executar a segunda fase de remodelación na ARI de Labañou, que inclúe medidas para gañar espazos peonís, áreas verdes e espazos de lecer

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de construción dun novo valado perimetral na contorna do xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña, ideado para salvagardar e protexer o patrimonio alí existente

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa deu conta esta mañá dos asuntos aprobados da Xunta de Goberno Local, que deu luz verde ao proxecto correspondente á segunda fase de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita, no barrio de Labañou.

A remodelación deste enclave, considerada como Área de Rehabilitación Integral (ARI), está dividida en cinco fases. Canosa lembrou que a primeira delas xa se completou a inicios deste ano, cos traballos executados no espazo interior delimitado pola avenida de Labañou, un treito da rolda de Outeiro e o bloque de vivendas ao que se accede desde a rúa Tomás Fábregas.

Agora, o Concello avanza cara a consecución da segunda fase, que contempla un amplo abano de melloras na rúa Tomás Fábregas en toda a súa extensión, así como nos seus cruzamentos coa avenida de Labañou e a rolda de Outeiro. “Ao igual que pasa no resto do ámbito, os espazos públicos precisan máis arboredo e áreas verdes, máis espazos de lecer e percorridos peonís máis accesibles. Tamén de medidas que faciliten o acceso ás vivendas sen obstáculos. Isto é o que se fará, dentro do posible e atendendo tamén as demandas veciñais, cunha escoita activa ás súas necesidades e suxerencias”, apuntou a concelleira na rolda de prensa posterior á sesión.

Plataforma única no sector onde está habilitada a circulación rodada

Entre as medidas previstas polo Concello na rúa Tomás Fábregas está a creación dunha plataforma única, con pavimentos diferenciados para distinguir a calzada e os espazos peonís, cun carril de tres metros de ancho para o paso do tráfico rodado, que poderá circular a un máximo de 20 quilómetros por hora no interior da urbanización. “Apostamos pola convivencia en termos de mobilidade, mais a prioridade, sendo como é un espazo residencial, é para o peón, e calmar o tráfico é fundamental en termos de seguridade viaria para as nosas veciñas e veciños”, recalcou Nereida Canosa.

Ademais, o Concello prevé actuar para mellorar o acceso a algúns bloques de vivendas da rúa Tomás Fábregas. Unha das posibilidades que se contemplan é habilitar miniramplas que axuden a salvar a pendente existente nalgúns tramos da rúa. Tamén se avaliarán as especificidades de cada edificio para facilitar, a futuro, a instalación de ascensores.

Máis áreas verdes e espazos de lecer para a veciñanza

O Concello tamén prevé axardinar e plantar árbores en diversas partes de Tomás Fábregas, onde os últimos estudos municipais revelan que este aspecto é, a día de hoxe, moi mellorable. “O obxectivo do Goberno de Inés Rey é osixenar a paisaxe urbana e iso pasa por acometer medidas coma esta, aproveitando os espazos públicos dispoñibles nas rúas”, indicou Canosa.
En paralelo, tamén se prevé aproveitar as sendas peonís do sector norte de Tomás Fábregas para gañar áreas verdes e crear varias zonas de lecer para a veciñanza. Unha delas, mediante a demolición do antigo depósito de augas que hai na rúa, coa previsión de habilitar alí unha nova bancada para as veciñas e veciños

Soterramento das instalacións eléctricas e de telecomunicacións
A maiores, o proxecto contempla o soterramento das instalacións eléctricas e de telecomunicacións que, a día de hoxe, aínda circulan polas fachadas, na maior parte de casos.

“A isto sumaremos a renovación integral da rede municipal de saneamento en Tomás Fábregas, adaptándoa aos estándares de seguridade vixentes e facéndoa máis eficiente en termos de recollida e separación de augas. Tamén melloraremos a rede de iluminación, coa substitución das antigas lámpadas e a instalación de novos báculos con tecnoloxía led”, agregou Canosa.

O Castro de Elviña contará cun novo valado perimetral de protección

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto das obras necesarias para construír o valado perimetral no xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña. “Esta medida é fundamental para avanzar na posta en valor do xacemento, tamén para delimitar os futuros puntos de control de acceso e tránsito das e dos visitantes”, indicou Nereida Canosa.

O estudo realizado no xacemento, que sustenta o proxecto, determina que para acoutar correctamente o Castro de Elviña será preciso delimitar un perímetro de case quilómetro e medio arredor dos espazos patrimoniais do Castro. A previsión do Concello é formar este perímetro coa instalación de barras de aceiro sobre o terreo, separadas entre si de tal forma que permitirán a visión xeral do perímetro do xacemento e tamén a circulación de fauna de pequeno tamaño, mais ideadas para impedir o acceso de animais como os xabarís, que pola súa actividade poden supor alteracións tanto no patrimonio como nas áreas verdes do Castro.
“A intervención na contorna do Castro de Elviña levarase a cabo con todas as garantías de seguridade e protección sobre o xacemento, onde se traballará sen maquinaria pesada para coidar ao máximo o patrimonio alí existente”, subliñou Canosa esta mañá.

O seguinte paso, unha vez aprobado o proxecto, será a licitación dos traballos. O investimento previsto polo Concello é de 350.000 euros.

A licitación da cafetaría no Centro Participativo do Birloque
Noutra orde de asuntos, a alcaldesa informou esta mañá de que a Xunta de Goberno Local aprobou a saída a licitación do contrato de concesión da cafetaría do Centro Participativo Municipal do Birloque, reaberto recentemente tras os traballos de reforma impulsados polo Goberno municipal.

“Foi unha intervención na que o Concello levou a cabo un investimento de 929.000 euros, moi necesaria para reordenar o Centro co obxectivo de modernizalo para o seu uso social, cultural, educativo e veciñal, facelo máis funcional e accesible, máis cómodo para os usuarios e usuarias, e dar así un mellor servizo”, explicou Canosa.

Unha das tarefas pendentes era licitar o servizo da cafetaría na instalación, que estará en marcha nos vindeiros días. A recuperación da cafetería era un compromiso do executivo local para dar un mellor servizo ao barrio.
O proceso de licitación comezará proximamente, nada máis se publique o anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no perfil do contratante do Concello.

Avances na ordenación do Club Financeiro

Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local acordou solicitar á Xunta o inicio do trámite de avaliación ambiental do plan especial de infraestruturas e dotacións na mazá onde está ubicado o antigo Club Financieiro, que toca de preto ás avenidas de Alfonso Molina e San Cristovo, así como á rúa Salvador de Madariaga.

En febreiro deste ano, a XGL aprobou iniciar a tramitación do plan, que agora avanza co traslado á Administración autonómica das actuacións previstas e a previsión de usos futuros nas parcelas alí existentes, tanto a do Club como as lindeiras.

Neste sentido, o Concello ten previsto modificar as actuais condicións urbanísticas no quinteiro ocupado por esta parcela, adaptándoa á actual demanda de equipamentos comerciais na zona, o que suporá a reordenación dos actuais usos dotacionais na contorna. “Trátase, en definitiva, de revitalizar unha parcela que levaba moito tempo pechada e sen actividade, co obxectivo de adaptala ás necesidades e usos da veciñanza do Barrio das Flores, Matogrande, Elviña e Xuxán”, resumiu Nereida Canosa.
A reconstrución do edificio derrubado na rúa Tui, un paso máis preto
Ademais, na Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá fíxose balance das licenzas e comunicacións previas avaliadas pola Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda nesta
última quincena de outubro.

Dun total de 198 expedientes, concedéronse 41 licenzas e notificáronse 93 obras en réxime de comunicado. Destacan, como expedientes particulares, a licenza que permitirá reconstruir o edificio situado no número 2 da rúa Tui, en Monte Alto. O Concello asumiu a demolición da estrutura pola vía de execución subsidiaria en xuño deste ano, ante o derrubamento do teito do inmoble, froito do desleixo e omisión de obrigas por parte da propiedade.

Ademais, o Concello concedeu licenza para a reforma dunha nova nave industrial nas instalacións de Alu Ibérica, no polígono de Agrela.