O Concello ten previsto replicar esta iniciativa en paradas situadas nos barrios dos Mallos, Catro Camiños, Os Rosales, Labañou e Monte Alto
O Concello traballa estes días na mellora de accesibilidade na parada de autobús número 15 do servizo de transporte urbano, situada concretamente na rúa Bergondo, fronte á praza de Pablo Iglesias, no barrio do Castrillón.
Esta intervención forma parte do plan impulsado polo Goberno de Inés Rey para remodelar as paradas de autobús da cidade, adaptándoas ás necesidades actuais das persoas usuarias. Nesta fase do plan, esta iniciativa suporá melloras en 16 plataformas situadas nos barrios dos Mallos, Catro Camiños, Os Rosales, Labañou, Monte Alto e tamén do Castrillón.
Foi precisamente neste último barrio onde comezaron as actuacións previstas. A primeira delas, a mediados do mes de xuño, na rúa Curtis, seguida por unha segunda intervención na rúa José María Hernansáez, tamén no Castrillón. Agora, continúan as obras nas paradas de autobús localizadas na contorna da praza da Concordia e, xa en paralelo, comezaron as que estaban previstas fronte á praza de Pablo Iglesias.
Nesta última, os operarios xa están a traballar na remodelación da parada, co acoutado do espazo necesario para ampliar a beirarrúa da parada en si, “tanto para mellorar a accesibilidade xeral como para facilitar a reposición da marquesiña de agarda”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
En paralelo, tamén se están a executar obras de mellora no paso peonil coa rúa Sarxento Veiga Pérez, onde se remodelou o cruzamento para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida, habilitando tamén pavimentos diferenciados como baldosas podotáctiles, a un lado e a outro, ideadas para axudar á orientación das persoas con visibilidade reducida.