Tuesday 05 de November de 2024

Galicia e País Vasco comparten o reto daa atracción e retención de talento como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades


— O secretario xeral de Universidades cualifica de “moi positivo” o intercambio de experiencias para abrir reflexións conxuntas e analizar posibles liñas de cooperación e aproveitamento de sinerxías entre os centros punteiros de ambas comunidades

— A delegación integrada por representantes da Xunta, das tres universidades públicas galegas e dos dez centros de investigación da Rede CIGUS pecha en San Sebastián unha visita de tres días para afondar nas potencialidades conxuntas no eido científico

Galicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos modelos.

Así se puxo de manifesto nos distintos encontros mantidos ao longo de tres días no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos que concluíu hoxe en San Sebastián e nos que participou unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta.

O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, José Alberto Díez, cualificou de “moi positivo” estes encontros na medida en que “permiten abrir reflexións conxuntas” para implementar accións “que supoñan un mellor aproveitamento do noso potencial científico”.

Políticas de gobernanza
Ademais de amosar a Rede CIGUS da Xunta, o encontro permitiu contrastar e poñer en común as distintas estruturas de gobernanza, políticas de funcionamento e esquemas de financiación que coexisten en ambos modelos e, deste xeito, poder afondar nas súas fortalezas e atallar as debilidades.

Os dez centros da Rede CIGUS que participaron neste intercambio son pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Ademais de encontros bilaterais entre centros de investigación homólogos de ambas comunidades, durante tres días incluíronse visitas á Fundación para a Ciencia (Ikerbasque), o Instituto Biofisika- Fundación Biofísica Biskaia, Achucarro Basque Center for Neuroscience, Tecnalia, CICbioGuUne, CIGNanoGUNE, Basque Center on Cognition Braing and Language (BCBL) e Basque Research and Technology Aliance (BRTA).

Deja un comentario