Friday 22 de November de 2024

O Concello finaliza os traballos de pavimentación da pista que vai de Pontegrande a Pename


O Concello de Neda finaliza as obras de posta a punto da pista entre Pontegrande e Pename. A actuación, na que se investiron 46.257 euros, permitiu mellorar un camiño bastante transitado pola veciñanza e polos visitantes que se achegan ás instalacións da Granxa Escola Belelle.

Co remate dos traballos de sinalización horizontal (pintado de marcas viais e sinais) a empresa Leonardo Miguélez S.L. daba por concluída a actuación, iniciada no verán, que supuxo a pavimentación dunha vía que presentaba un estado de conservación deficiente, a causado paso do tempo e máis do uso.
Ao longo duns 700 metros de estrada, realizáronse tarefas de limpeza de cunetas, o bacheo dos puntos que estaban máis estragados e, a continuación, procedeuse ao aglomerado en quente.

As obras, que contribúen a mellorar a seguridade viaria dos condutores e viandantes que decote utilizan este camiño, foron cofinanciadas polo Concello de Neda e o Agader, a través do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024, con fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural do Programa Estratéxico da PAC 2023-2027.