Tuesday 05 de November de 2024

Neda abre este sábado o seu Tempo para o teatro coa comedia “De algo hai que morrer”


Novembro será “Tempo para o teatro” en Neda. O Concello recupera un ciclo cultural que traerá á vila durante o mes que está a piques de iniciarse catro espectáculos de primeiro nivel de compañías galegas. A iniciativa, dirixida a maiores de 14 anos, arranca este sábado coa galardoada comedia “De algo hai que morrer”.

A compañía Malasombra Producións será a encargada de inaugurar a programación con esta “conferencia fúnebre-cómico-teatral”, que garante risas. A obra, escrita por Jose Prieto, e interpretada por Xoque Carbajal e Jouse García, gañaba o premio FETEGA 2023 ao mellor espectáculo.
Este mércores e xoves, en horario de 9 a 13 horas, poderán reservarse localidades, chamando ao 981 390233. As entradas custan 2 euros. A billeteira da Casa da Cultura permanecerá aberta o sábado dende dúas horas antes da representación.

O ciclo teatral continuará a vindeira semana con “O auto do Castromil”. Este proxecto de Producións Teatrais Excéntricas, gañador do III Certame de Proxectos Teatrais Manuel María e recoñecido nos Premios María Casares, estará na vila o 8 de novembro, ás 20.30 h. Trátase dunha “viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente”, feita con anacos de obras de Manuel María, e cun elenco de luxo do que forman parte Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, Rocío González e Marcos Orsi.

Completan a carteleira de “Tempo para o teatro” a obra “Heroínas cotiás” (venres 22, ás 20.30 h) de Muiñeiras do vento, baseada nas vivencias de mulleres anónimas e tamén ilustres que formaron parte da historia de Ferrol e, por último, “Esas cousas marabillosas”. A adaptación da comedia de Duncan McMillan sobre a depresión e o suicidio, protagonizada por Elisardo de la Cruz, poderase desfrutar na localidade o venres 29, ás 20.30 horas.

O Concello de Neda impulsa este ciclo teatral coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Deja un comentario