Monday 25 de November de 2024

O goberno local levará a pleno unha modificación orzamentaria de máis dun millón de euros para investimentos en todo o municipio


● As actuacións divídense en cinco grandes bloques: reparacións, actuacións en viais, obras en parques infantís, melloras en rúas e outras intervencións.

O goberno local de Miño levará ao próximo pleno unha modificación orzamentaria de 1.016.300 euros para acometer melloras en infraestruturas e servizos municipais.
Esta modificación orzamentaria permitirá realizar importantes melloras en infraestruturas e servizos municipais. A iniciativa abarca un conxunto de actuacións que responden as necesidades dos cidadáns e aos obxectivos de modernización do municipio, chegando a todas as parroquias. As intervencións agrúpanse en cinco bloques de actuación: reparacións, investimentos en viais, obras en parques infantís, melloras en rúas e outras intervencións.

1. Reparacións.
Neste bloque inclúense dúas actuacións: a reparación de colectores na estrada de acceso á praia da Ribeira, unha intervención necesaria para optimizar a rede de saneamento e evitar problemas recorrentes; e a reparación do paso superior sobre a liña ferroviaria en Bolo, cun orzamento conxunto de case 90.000 euros. Estas obras buscan solucionar o incidente ocorrido hai uns meses na ponte que cruza a vía e que se viu danado, obrigando a cortar a circulación sobre el.

2. Investimentos en viais.
O Concello realizará melloras en varios camiños e estradas do municipio, chegando a todas as parroquias. Ampliarase un camiño en Barbeita; mellorarase o vial que pasa por detrás do cemiterio de Miño; e melloraranse as capas de rodadura en estradas e viais en todas as parroquias do municipio. Estas actuacións teñen como obxectivo manter as vías en óptimas condicións, garantindo unha circulación segura e fluída para os cidadáns.
Esta é a partida que acumula maior parte do investimento, ascendendo ata os 371.000 euros.

3. Obras en parques infantís.
Destinaranse uns 95.000 euros a mellorar e acondicionar os parques infantís: Concretamente actuarase no da escola de Bemantes, Callobre, Vos Abellós, rúa Aveás e Telle; coa finalidade de ofrecer espazos seguros e modernos para o goce dos máis pequenos. Estas melloras abarcan a renovación de instalacións e o reforzo das medidas de seguridade.

4. Actuacións en rúas.
Dentro deste bloque atópase a mellora integral de cálea Marismas, unha actuación previamente anunciada e que supón a segunda maior investimento dentro desta modificación orzamentaria. Esta reforma integral ten como obxectivo transformar a rúa nun espazo máis accesible, seguro e atractivo, dando resposta a unha demanda da comunidade educativa miñense.

5. Outras intervencións:
Neste apartado hai actuacións de diferente índole, desde o servizo de campamentos, a redacción do proxecto da nova escola infantil en Xarío, servizo de recollida de lixos, estudo para actuacións na Praza do Parchís, incremento de horas do Servizo de Axuda a Domicilio, valados na zona de Raxel, Hermo e Carreira, renovación de pasamanos na zona do paseo marítimo, sinalizacións do rueiro en Castro, Leiro e Carantoña, pequenas obras no pumptrack ou a adquisición de material para o servizo de socorrismo, entre outras.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, subliñou a relevancia desta modificación orzamentaria para o municipio: “Con este investimento buscamos responder a demandas dos nosos veciños e veciñas, mellorando infraestruturas e espazos que son esenciais para a calidade de vida en Miño. A través destes proxectos, reafirmamos o noso compromiso cun Miño máis accesible, sostible e preparado para o futuro.”

Estas actuacións reafirman o compromiso do actual goberno local de Miño co benestar dos seus habitantes e a súa aposta decidida por un desenvolvemento urbano que respecte a contorna, manteña a seguridade e facilite a vida dos cidadáns e cidadás.