Monday 25 de November de 2024

Presentación das actividades arrepiantes do Samaín en Ribeira da man de Alfaia Ribeira, 29 de outubro de 2024.


No día de hoxe presentouse a programación do Samaín do Concello de Ribeira da man da asociación cultural Alfaia. As actividades deste ano foron presentadas pola concelleira de Cultura, Antía Alberte e Mª José Carreira representante da asociación.

Antía recordou que a asociación Alfaia é unha das asociacións máis antigas de Ribeira vinculada ao baile pero a maiores veñen facendo este festival de decoración temática na Carpa Municipal do Concello e “fan un traballo espectacular xunto aos obradoiros de maquillaxe para os cativos honrando toda esta época de misterio e paganismo, acultura da Santa Compaña e traballando esa cultura do medo” sinalou a concelleira e agradeceu “como concelleira de Cultura estas iniciativas que enriquecen todo o tecido cultural nunha época do ano, máis da xente da cidade pero aberta a todos os visitantes que se acheguen a Ribeira”.

María José Carreira tamén agradeceu ao concello polo constante apoio á asociación, quixo homenaxear “ás compañeiras da Xunta Directiva que hoxe non poden estar aquí, para Mari e para Pili, para a profesora de baile, Carmen Pena…”. Carreira falou dos comezos da asociación “fai 27 anos cando se comezou ca asociación o que buscábamos era encher un espazo de actividades para os nenos; porque nós daquela tíñamos nenos pequenos e detectamos que había un baleiro de actividades para eles”. O presente a asociación: “o noso traballo agora é no fomento e recuperación das tradicións locais de Ribeira”.

Falou tamén dos inicios da recuperación “fai 17 anos comezamos na praza de España recen estreada a vestirse alí mesmo cos nenos nun ámbito familiar, ca intención de recuperar este Samaín, e alí comezou todo ata o día de hoxe” finalizou María José.

Este ano se cambia o formato pola falta de espazo na carpa e se fará un pequeno festival no Auditorio vello con desfile pola rúa cara Carpa Municipal onde será fará o acto de inauguración arrepiante.

SAMAÍN 2024 (Ribeira)

VENRES Día 1 de novembro
18.00 h Auditorio, Praza dos Mariñeiros
Actuación do Grupo de Baile da Asociación Alfaia
Entrada gratuíta ½ hora antes da sesión ata completar aforo.
Ao rematar irán en desfile desde o Auditorio, pasando pola rúa Romero Ortiz, Rúa de Galicia ata chegar ao Espazo Multiusos (Carpa Municipal en rúa Galicia).
19.00 h Espazo Multiusos (Carpa Municipal)
INAUGURACIÓN DO SAMAÍN a cargo da Asociación Alfaia
Quedará aberta ata 21.00 horas

SÁBADO Día 2 de novembro
Espazo Multiusos, obradoiros de maquillaxe
17.00 a 21.00 h

DOMINGO Día 3 de novembro
Espazo Multiusos
Baile infantil con larpeiradas
17.00 a 21.00 h
Exposición de Monstros do 1 ao 3 de novembro
Aberta e gratuíta no seguinte horario:
· venres de 19.00 a 21.00 h
· sábado e domingo de 17.00 a 21.00h