— A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o alcalde, Carlos Calvelo, reúnense para estudar a reedición dun convenio que permitiu a posta en marcha de novos ciclos
— Farase fincapé na orientación laboral integral do alumnado a través do Plan FPGal360
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, reuníronse esta mañá para explorar novas vías de colaboración para o impulso da FP neste concello e o fomento da orientación profesional integral a través do Plan FPGal360, que busca seguir reducindo o abandono temperá e favorecer que os alumnos acaden a maioría de idade cunha titulación.
Entre outros asuntos, estase a estudar a reedición do convenio asinado no ano 2017, a través do que se puxeron en marcha varios proxectos de FP Básica. Así mesmo, abordáronse as posibilidades que ofrece o procedemento de acreditación de competencias profesionais, polo que persoas que carecen dunha cualificación recoñecida oficialmente poden acceder á mesma, demostrando as competencias adquiridas ao longo da vida tanto pola vía da experiencia laboral como pola vía da formación non formal.
Tanto a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP como o alcalde de Arteixo coincidiron na necesidades de reforzar todas as vías para ampliar as posibilidades formativas e profesionais do alumando deste municipio, aproveitando ademais as posibilidades de inserción laboral que o tecido produtivo da súa contorna lles ofrecen.
Neste momento o groso da oferta de FP no concello de Arteixo concéntrase no Instituto IES de Sabón, un referente na posta en marcha de proxectos innovadores e motivadores para o alumnado de FP Básica. Conta con máis de 200 alumnos matriculados nos ciclos de grao básico de Cociña e restauración, e de Electricidade e electrónica; nos de grao medio de Guía no medio natural e de tempo libre, Instalacións eléctricas e automáticas e Xestión administrativa, e no ciclo de grao superior de Administración e finanzas.