Saturday 23 de November de 2024

A Bandeira Verde de Galicia volve ondear na praza do concello


A Laracha recibiu por terceira vez este recoñecemento da Xunta que avala as políticas municipais sobre a protección da paisaxe e do medio ambiente.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, e a edila de Turismo, Patricia Bello, izaron hoxe a Bandeira Verde de Galicia que volver ondear na Praza do Concello como símbolo do recoñecemento da Xunta polo labor municipal a prol da protección da paisaxe e do medio ambiente.

Neste ano son 24 os concellos galegos que obtiveron o distintivo -que recolleron en Caión de mans da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no acto celebrado o pasado día 18 de outubro- ao ser considerados como os máis dinámicos neste eido por desenvolver boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto da paisaxe, a minoración das emisións de CO2 e a redución do consumo enerxético.

Entra as accións levadas a cabo polo Concello e que posibilitaron a concesión deste galardón destacan o plan de mellora da eficiencia enerxética coa renovación da iluminación pública, o proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta do pavillón Municipal, a recuperación de espazos de alto valor ambiental, a posta en valor do Castro de Montes Claros, a homologación da ruta de sendeirismo xunto ao río Bradoso, a humanización de rúas nos núcleos urbanos, a construción da pista polideportiva descuberta en Paiosaco ou o programa de compostaxe doméstica, entre outras iniciativas.
A Bandeira Verde, creada no ano 2020, é un distintivo que fortalece a imaxe do Concello da Laracha e avala as políticas medioambientais municipais, sendo un aliciente para continuar realizando no futuro accións destas características.