Friday 22 de November de 2024

Ribeira amplía un ano máis o contrato do Servizo de Axuda ao Fogar (S.A.F.) Ribeira 28 de outubro de 2024


Onte celebrouse o antepenúltimo pleno ordinario do ano onde se aprobaron por unanimidade os acordos da incorporación ao Inventario Municipal do Centro Social de Carreira, o recurso contencioso-administrativo contra o acordo do Pleno do Xurado de Expropiación de Galicia máis a prórroga de mutuo acordo S.A.F.(Servizo de Axuda ao Fogar).

Por outra banda aprobáronse por unanimidade a proposición do dereito a voto dos mariñeiros, a proposición sobre as melloras na parroquia de Artes e outra rexeitando a suba aplicada pola Xunta sobre o canon de recollida de lixo.

Acordo para a incorporación ao inventario municipal do Centro Social de Carreira.
Acordouse por unanimidade incorporar ao Inventario de Bens Municipal do Concello de Ribeira o “Centro Social Multiusos de Carreira”, o remate e urbanización exterior do Centro Multiusos e declarar a utilidade pública (uso e servizo público) para a que foi concedida a subvención outorgada pola Deputación da Coruña e remitir a certificación do presente acordo á mesma para a súa constancia.

O alcalde, Luís Pérez Barral informou á veciñanza que “este Centro Social de Carrreira está rematado no seu interior, queda exclusivamente unha acometida exterior que se valorou en 16.000 euros e que se incluíu no orzamento do presente ano; tan pronto teña a aprobación
definitiva o documento económico procederase a rematar a acometida de iluminación, saneamento e accesibilidade para que os veciños e veciñas de Carreira poidan gozar de estas instalacións o vindeiro ano 2025 tras 13 anos de obras”.

O segundo tenente de alcalde Suárez-Puerta, sinalou que este acordo “é unha necesidade contractual”, mentres que a concelleira de Facenda Herminia Pouso, salientou que houbo que facer unha partida específica nos orzamentos “polas deficiencias en accesibilidade que presentaba o proxecto inicial”.
Acordo para interpoñer ao TSXG o recurso contencioso-administrativo contra o acordo do XEG polas expropiacións de fincas en Pedras Vermellas

Aprobouse por unanimidade o acordo de interpoñer ao TSXG o recurso contencioso-administrativo contra o acordo do Xurado de Expropiación de Galicia que provocou un encarecemento excesivo das parcelas ás persoas que alegaron no seu día.

Cronoloxía sobre o novo polígono industrial:
En novembro do ano 2021 a Corporación Municipal aprobaba a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenanza Municipal (PXOM), ao longo do ano 2022 estivéronse recadando os informes sectoriais pertinentes tanto da Xunta como de outras administracións para aprobar
inicialmente ese proxecto de urbanización o día 2 de marzo de 2023 e posteriormente sometelo a exposición pública durante un mes.

Despois de requirimentos da Deputación (polas estradas, firmes e accesos) e da Consellería de Cultura (para evitar danos patrimoniais); finalmente en decembro do 2023 se reciben as aprobacións tanto da Deputación como de Patrimonio e o día 20 de decembro se aproban as expropiacións definitivas e o proxecto definitivo de urbanización ca incorporación dos requirimentos necesarios.
En devandita expropiación establecen uns prezos de valoración na que sete propietarios das fincas fan alegacións ao Xurado de Expropiación de Galicia (XEG) e este órgano determina unhas novas cuantías cun valor 66,8% maior da estimación técnica elaborada polo Concello. Os servizos técnicos do concello fixeron un estudo comparando os prezos medios que hai na zona e os establecidos por XEG e determinouse que están moi por riba dese prezo medio.

O Concello de Ribeira entende que esta taxación non é acorde ca realidade da zona e que non se achegou argumentación algunha que explique este elevado prezo polo que se propón establecer un acordo plenario para interpoñer ao TSXG un recurso contencioso-administrativo contra o acordo do XEG polas expropiacións de fincas no Polígono “Pedras Vermellas” e solicitando que que se modifique a valoración do solo realizada no sentido de recoller as produtividades esperadas normais para o cultivo potencial de Piñeiro do País, recalculando o valor do solo e das plantacións. Dito recurso non paralizara a execución do polígono industrial.

Suárez-Puerta indicou que “e necesario loitar cada euro de custe deste polígono industrial”, Pouso fixo referencia a que “esta nova valoración incrementa uns 290.000€ é debemos loitar polo prezo real, e tamén faltan por adquirir dúas parcelas que o concello non ten a capacidade de expropiar por formar parte doutro municipio, estase a ver se chegamos a un acordo, senón terá que intervir a Deputación. Espero que podamos seguir avanzando, precisamos que as empresas non se vaian…”. A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Veva Betanzos, sinalou “dito recurso non paraliza o proceso de execución o traballo non se para” e instou á Xunta “que se comprometa a colaborar economicamente co novo polígono xa que ten as competencias en materia industrial”.

Prórroga de mutuo acordo S.A.F.

Aprobouse tamén por unanimidade a prórroga por un ano por un millón e medio, do contrato de Servizos Sociais denominado “Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ribeira” da que é adxudicataria a empresa “Attende Care, S.L.”, de conformidade co establecido no prego de cláusulas administrativas que rexe o contrato e deuse conta do presente acordo a
intervención e a tesouraría aos efectos de practicar as anotacións contables que procedan.

O primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, salientou a profesionalidade das traballadoras e da empresa na que non hai ningunha incidencia salientable que destacar.
Cómpre salientar que o Concello de Ribeira destina a este servizos de prestación de coidados ás persoas maiores 1,5 millóns de euros polo que o rexedor tamén fixo fincapé na necesidade de que as Administracións que deberían financialo se comprometeran en maior medida con el.

Circunvalación en Ribeira

A proposición demandaba que o Concello de Ribeira avalase o traxecto de circunvalación proposto pola Xunta. Esta proposición non se aprobou ao non contar cos votos necesarios.
Segundo informou o alcalde, existe un informe xurídico do secretario municipal que establece que o Concello de Ribeira non pode interferir na execución dos proxectos doutras Administracións que foran tramitados conforme á lexislación e procedementos vixentes, suposto aplicable á circunvalación promovida pola Consellería de Infraestruras e Mobilidade da Xunta de Galicia que transcorre polo municipio de Ribeira polo que a responsabilidade na execución do mesmo compete á Administración Autonómica.

Tanto Mariño como Suárez-Puerta reiteraron que é un proxecto da Xunta e que a Administración Local non ten competencias niso. Ademais informaron que o Goberno galego reserva unha partida de 1 millón de euros para a súa execución no ano 2025.

A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, transmitiu que “seguimos defendendo o benestar da veciñanza e a preservación do territorio. Sabemos que mellorar as infraestruturas é fundamental, pero tamén o é protexer a calidade de vida, o patrimonio natural e a cohesión da nosa comunidade. Hoxe reiteramos a nosa postura e mantemos a coherencia de defender un proxecto que sexa beneficioso e respectuoso para todos e todas”.

Dereito a voto dos mariñeiros

Unanimidade do pleno da Corporación Municipal de Ribeira que insta ao Goberno do Estado a garantir o dereito de voto das tripulacións cando se atopan embarcadas, desenvolvendo o seu traballo.
Subida do canon de Sogama

Aprobada a proposición cos votos dos partidos que integran o Goberno local ao rexeitamento da subida do canon de SOGAMA que a Xunta de Galicia aprobou para 2024 e 2025. A subida do canon proposto pola Xunta encarecerá este servizo en 321.000€ en Ribeira.

A concelleira de Medio Ambiente Antía Alberte, instou a dar un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao custoso e insostible sistema SOGAMA baseado na incineración.

Solicitou a creación dunha comisión de traballo entre SOGAMA, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP, para determinar as condicións do Canon para o ano 2025 antes da aprobación do Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para ese ano, e debater sobre o cambio de modelo de xestión de residuos en Galiza, incluíndo o debate sobre a fórmula que permita a cada concello, con independencia da súa dimensión, acceder á redución do canon e valorando para a aplicación desa redución o compromiso de cada concello na aplicación da compostaxe individual ou comunitaria, ou financiando modelos de xestión alternativos nos que se debe primar o tratamento de proximidade dos biorresiduos, con sistemas de compostaxe domiciliaria e comunitaria.

Melloras na parroquia de Artes

A proposición avoga por que se realicen as rozas pertinentes na parroquia de Artes, mellorando así a imaxe desta parroquia e polo tanto o benestar da súa veciñanza. Aprobouse por unanimidade.