Friday 22 de November de 2024

O Concello pon a punto o cemiterio de Boisaca para a celebración de Todos os Santos e Defuntos


O Concello de Santiago realizou unha serie de melloras no cemiterio municipal de Boisaca en previsión do incremento do número de visitantes coincidindo coas festividades de Todos os Santos e Defuntos, os vindeiros 1 e 2 de novembro. Entre outras accións, levouse a cabo a substitución integral de 91 puntos de alumeamento co obxectivo de incrementar o nivel lumínico do espazo, a seguridade eléctrica das pezas e reducir o consumo enerxético e as emisións do C02. Tamén se realizaron unha serie de labores de pintado, limpeza especial, reposición de flores ou poda de árbores para a posta a punto deste espazo municipal.

Con vistas á celebración das festividades de Todos os Santos e Defuntos, o Concello de Santiago renovou un total de 91 puntos de luz no cemiterio municipal de Boisaca, que foron substituídos por columnas de P.R.F.V. (poliéster reforzado con fibra de vidro), un material illante que o fai máis seguro para as persoas usuarias. Tamén se procedeu á reparación e restauración dos farois existentes e a súa adaptación á tecnoloxía led.

Con esta intervención, increméntase a seguridade eléctrica e estrutural da instalación e mellórase o nivel luminoso deste espazo municipal e o confort visual dos visitantes grazas ao emprego de temperatura de cor cálida de 2700 K. Ademais, con esta renovación conséguese unha diminución da potencia instalada en máis dun 50%, coa conseguinte redución do consumo enerxético e polo tanto, das emisións de CO2 á atmosfera.

Ademais, o Concello tamén acometeu unha serie de tarefas especiais para a posta a punto do cemiterio con motivo do aumento na afluencia de visitantes nos próximos días. Así, levaronse a cabo labores de pintado da fachada da capela e do caseto de apeiros e a substitución do canalón do mesmo, de repaso dos pasos entre sepulturas, de limpeza especial de beirarrúas, así como de poda de árbores, reposición de flores e plantas no paseo central e de subministración de grava branca.

Nos meses previos tamén se limpou de herbas o muro perimetral do cemiterio e se repararon e pintaron o pozo e as pérgolas.

Ampliación do horario

Por mor das festividades de Todos os Santos e Defuntos, o cemiterio de Boisaca permanecerá aberto entre as 09 e as 19 horas ata o vindeiro 3 de novembro, excepto este venres, 1 de novembro, que ampliará o horario de peche ás 20 horas. Ademais, debido ao incremento de visitantes este primeiro de novembro, reforzarase a liña 1 de transporte urbano, que contará cunha frecuencia de paso de 16 minutos entre as 09 e as 20 horas