Friday 22 de November de 2024

Este venres estréase a IV Feira de Exposición Playmobil, que este ano recrea os 17 municipios da Reserva de Biosfera


● José Antonio Santiso, presidente de Mariñas Coruñesas; Javier Caínzos, alcalde do Concello de Curtis; Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia; Diego López, xerente do PSTD da Reserva de Biosfera e José Manuel Muíño, presidente da Asociación Playmobil Galicia, presentaron esta mañá o evento no Recinto Feiral de Curtis.

● Poderá visitarse durante os días 1, 2 e 3 de novembro, no propio Recinto Feiral de Curtis, en horario de 11:00 a 20:00 horas tanto venres como sábado e de 11:00 a 19:30 horas o domingo.

Este venres estréase a IV Feira de Exposición Playmobil, que este ano recrea os 17 municipios da Reserva de Biosfera. Está organizada pola propia Reserva de Biosfera e o Concello de Curtis, en colaboración coa área de Turismo da Deputación Provincial da Coruña e Turismo de Galicia.

Esta mañá déronse cita no Recinto Feiral de Curtis, onde se poderá visitar a exposición de maneira totalmente gratuíta, José Antonio Santiso, presidente de Mariñas Coruñesas; Javier Caínzos, alcalde do Concello de Curtis; Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia; Diego López, xerente do PSTD da Reserva de Biosfera e José Manuel Muíño, presidente da Asociación Playmobil Galicia.

Trátase dunha actividade de carácter comarcal, para sensibilizar e poñer en valor os recursos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas dunha maneira amena, mediante os míticos xoguetes, co obxectivo de atraer un turismo familiar e de proximidade, nunha época de tempada baixa a nivel turístico.
Estará aberta durante os días 1, 2 e 3 de novembro no propio Recinto Feiral de Curtis (https://maps.app.goo.gl/QZcW8nWrUZW4kdVH6) e con horario de 11:00 a 20:00 horas o venres e o sábado, e de 11:00 a 19:30 horas o domingo.
O presidente da Reserva de Biosfera, José Antonio Santiso, indicou que “se trata dunha exposición diferente, especial e que recrea por vez primeira o territorio da Reserva de Biosfera ao completo. Aquí estarán representados os 17 concellos que integran a Mariñas Coruñesas e parécenos un excelente plan para pasar en familia esta ponte do 1 de novembro”.

Javier Caínzos, o alcalde do Concello de Curtis, destacou que “o que conseguimos nesta cuarta edición é constatar a importancia de ter institucións e administracións que traballando conxuntamente fagan posible proxectos que parecen utopías; nas anteriores edicións conseguimos que nos visitasen miles de persoas, vindo xente do norte de Portugal, de Asturias e de Castela e León, e aí vese a importancia de traballar unidos e de poñer en valor o territorio da Reserva de Biosfera”.

Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, salientou o “apoio a esta iniciativa de Mariñas Coruñesas por parte de Turismo de Galicia porque vira sobre o eixo da sustentabilidade, un piar fundamental da estratexia de Turismo 2030. Coñecer o territorio, promover todos os seus recursos e facelo tamén, como non, en tempada baixa”.

Pola súa banda, José Manuel Muíño, presidente dá Asociación Playmobil Galicia, sinalou que “a colección vai estar composta por oito dioramas de diversa índole, e un noveno e principal, en clave da Reserva de Biosfera. Serán 24 metros cadrados que terán contidos característicos dos dezasete municipios que compoñen a Reserva de Biosefera”.