Friday 22 de November de 2024

Neda activa por segundo ano o seu programa de reforzo escolar para alumnado con especiais dificultades


A iniciativa vai dirixida a estudantes de primaria e secundaria do municipio

O Concello de Neda puxo en marcha este luns, no marco da agrupación cos veciños municipios de Fene e Mugardos, o programa formativo e de lecer saudable Refórzate. A segunda edición desta iniciativa, ofertada aos tres centros educativos públicos locais, vai dirixida a alumnado de primaria e secundaria con dificultades de aprendizaxe, problemas de conductas ou de xestión emocional, ou con carencia de habilidades sociais.

O programa, que arrancaba onte á tarde coa presentación do grupo de primaria e un encontro coas súas familias, contará con sesións semanais de apoio para os estudantes con dificultade de aprendizaxe xeneralizada, así como para rapaces e rapazas que o precisen nas áreas instrumentais ou materias centrais. Entre outras cousas, aprenderán técnicas de estudo para mellorar o rendemento académico, incidindo nos puntos febles de cada alumno/a.

Ademais, Refórzate incluirá sesións socioeducativas orientadas á previr condutas adictivas. Así, incluirá obradoiros para fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías entre o alumnado, para previr a ludopatía ou para favorecer unha alimentación saudable.

Os estudantes participantes son derivados polos centros escolares (CEIP San Isidro, CEIP de Maciñeira e IES Fernando Esquío) en colaboración coas familias e máis cos Servizos Sociais municipais. O grupo de primaria conta cunha decena de alumnos/as (número máximo por grupo), e o de secundaria iniciarase proximamente, pois está pendente de derivacións por parte do instituto.
Refórzate, subvencionado pola Consellería de Sanidade, buscará un obxectivo específico, segundo o traballo personalizado desenvolvido en cada caso, que irá dende a mellora nas competencias educativas e sociais, ata apoiar a socialización dos menores participantes, pasando por fomentar a autoestima e a responsabilidade ou promover hábitos de vida saudables.