Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño promove a Igualdade entre a comunidade educativa con obradoiros dirixidos a primaria


O departamento municipal de Igualdade está levando adiante un interesante proxecto educativo en colaboración co CPI de San Sadurniño pensado para fomentar, precisamente, a igualdade e a corresponsabilidade entre o alumnado. Trátase dunha iniciativa dirixida a todos os cursos de educación primaria na que se traballan aspectos como o equilibrio no reparto das tarefas domésticas ou sobre como desterrar os estereotipos de xénero. Os obradoiros desenvólvense durante febreiro e marzo e enmárcase dentro das liñas de acción do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes impulsado polo Concello para o periodo 2014-2017.

Nos obradoiros están participando 125 cativos e cativas desde primeiro ata sexto de educación primaria cun obxectivo ben definido: “que todos os nenos e nenas pasen por unha formación en igualdade de xénero, de oportunidades e ao mesmo tempo sobre outro tipo de valores que teñen que ver coas habilidades sociais, cos valores do respecto e demais”, tal e como explica a encargada de impartir os obradoiros, a técnica municipal de Igualdade Verónica Rodríguez.

A formación está estruturada en dous grandes bloques, un para 1º, 2º e 3º e outro para 4º, 5º e 6º de primaria, de maneira que os contidos se adapten a cada idade. Cómpre ter en conta que esta actividade xa se levou a cabo outros anos e por iso o obxectivo cos cursos iniciais é introducilos no concepto de igualdade por medio das reflexión sobre as tarefas domésticas, o coidado e a distribución ou uso do tempo. No caso de aqueles que xa están na preadolescencia -e que xa pasaron pola formación introdutoria en anos anteriores- afóndase en cuestións como a socialización de xénero, os roles e estereotipos ou a linguaxe non sexista.

O que si é común é o esquema de cada sesión. No canto de charlas aburridas o que se fai é buscar a participación e a interacción entre os nenos e nenas aplicando técnicas de dinamización de grupo e de descubrimento guiado. Tal e como sinala a técnica de Igualdade “todas teñen unha primeira parte de reflexión sobre o contido en si e compleméntanse con actividades grupais nas que teñan que crear situacións prácticas e despois teñan que reflexionar sobre elas, pero sempre en equipo e mesturando as opinións de nenas e nenos para que vexan os distintos puntos de vista entre os dous sexos”.

Este programa educativo forma parte das liñas de acción do II Plan de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño deseñado polo Concello coas miras postas en desenvolvelo no periodo 2014-2017. Nel incídese na necesidade de traballar coa comunidade educativa -tanto mestrado como alumnado- de cara a desterrar o patriarcado imperante aínda na sociedade. A este respecto a responsable da área, Ana Belén B. Gundín, destaca a importancia de “educar para alcanzar un cambio”, posto que, segundo asegura, o xénero e os roles que teñen asociados historicamente os sexos “non son máis que construcións socioculturais que se aprenden e que, polo tanto, poden cambiarse a través da educación dos nosos nenos e nenas”.