Friday 22 de November de 2024

“A Violonchelista de Fene” protagoniza un selo especial de Correos adicado á Arte Urbana


Correos lanzará o próximo 5 de novembro un selo en homenaxe á obra de SFHIR, premiada como “Mellor mural do Mundo” pola plataforma Street Art Cities

A creación reflicte unha muller tocando o violochelo, que se ilumina coa luz nocturna, converténdose nun referente cultural para Fene

O mural “A Violonchelista de Fene”, situado no número 64 da Rúa da Fraga de Fene, será o protagonista dun selo especial dentro da serie “Arte Urbano 2024 de Correos. A tirada, de 70.000 follas bloque, sairá á venda o vindeiro 5 de novembro, cun valor postal de 4,60 €, permitindo que esta obra se converta en parte do patrimonio filatélico do Estado.

Hugo Lomas -SFHIR- recibiu o galardón ao “Mellor Mural do Mundo 2023” pola plataforma internacional Street Art Cities nun acto celebrado o pasado 12 de marzo. Esta obra destaca non só polo seu tamaño -o maior mural vertical de toda a súa carreira artística-, senón tamén por unha particularidade que cobra vida coa noite: ao acenderse a luz das escaleiras no edificio, ilumínanse os trastes do violonchelo, creando un efecto visual único.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, expresou a súa satisfacción por este recoñecemento. “Este mural converteuse en símbolo do noso municipio, e nunha mostra de como a arte urbana pode enriquecer o espazo público e atraer a atención máis aló do noso concello”, destacou o rexedor. “O selo é un paso máis para proxectar Fene e a súa cultura ao mundo enteiro, e agradecemos tanto a SFHIR como aos organizadores do Perla Mural Fest, o seu talento e dedicación”, rematou Trigo.

A creación de SFHIR forma parte do Perla Mural Fest, un festival de arte urbana que cada ano reúne artistas de renome e converte a localidade nun espazo de encontro e celebración da arte contemporánea. Ademais, entre os murais realizados na edición de 2024, “O Charanguista Andino” de Cristóbal Persona opta tamén a competir ao título de Mellor Mural do Mundo 2024, nun proceso de votación que se abrirá proximamente