Friday 22 de November de 2024

Os “Monstros no Camiño” dos Ghazafelhos, aperitivo do Samaín de Naraío e Igrexafeita


Unha investigadora e dous investigadores da Europa do Leste viaxan durante varios meses polo camiño de Santiago para afondar nos mitos dos lugares que van percorrendo. Tras recoller moreas de datos e experiencias de campo, hoxe expoñen o resultado do seu traballo con axuda dunha máquina que lles permite convocar os distintos monstros e espíritos dos que falan para mostrar a súa falsedade… ou non. E ata aquí podemos contar da sinopse dos “Monstros no Camiño” que representará Teatro Ghazafelhos este venres na Casa da Cultura a partir das 20:00h, como anticipo dos magostos que organizan ao día seguinte O Castelo de Narahío e Adiante de Igrexafeita. A parroquia de Lamas programou o seu para a semana que vén.

“Monstros no Camiño” é unha peza cómica que sobe ao escenario a unha chea de personaxes míticos dos distintos lugares por onde transcorre o camiño, desde Drácula e o Home Lobo -que é distinto do noso Lobishom- até as Meigas, a Santa Compaña, ou o Sacaúntos.

Todo un mostrario monstroso que se exhibe debidamente adobiado co humor dos Ghazafelhos Jorge Casas, Montse Piñón e Pepablo Patinho, metidos nesta ocasión no papel de persoas de ciencia moi aventureiras que investigan os seres estarrecedores da ruta xacobea.

Xa o ano pasado, durante o Samaín local que tivo que resgardarse da chuvia na Casa da Cultura, puidemos ver un pequeno fragmento da obra, onde a escenografía adaptada á temática cobra un grande protagonismo e onde a máquina coa que se invocan os monstros é unha peza clave da trama.

Serán 50 minutos de situacións sorprendentes, absurdas e de moita risa, dirixidas ao público familiar, que pode reservar entradas -gratuítas- no 616 332 919 ou no teléfono agustin.perez@sansadurnino.gal. Recordamos o horario: venres 1 de novembro, ás 20:00h na Casa da Cultura. A obra forma parte do calendario cultural DinamizArtj que se desenvolve en todos os municipios da Transición Xusta.

Samaín en Naraío e en Igrexafeita… e magosto o día 9 en Lamas
Ao día seguinte, o sábado 2, a celebración desta época de cambio de estación e de lembranza de quen xa non están con nós trasladarase ás parroquias de Naraío e Igrexafeita.

A AVV O Castelo de Narahío organiza o seu tradicional Magosto e Samaín recibindo no local social da Veiga a partir das 18:00h á rapazada que queira participar na exposición de cabazas, que despois -a iso das 20:00h- se irán deixando polos rueiros da Pena, Correlo e o Eirexado entre algunha que outra sorpresa. Porén, antes do percorrido, as nenas e nenos xunto coas familias gozarán do espectáculo “Ledicias 2.0” do Mago Paco, que comezará ás 19:00h.

En Naraío darannos a proba dunha rica sopa de cabaza, papas de melón e castañas asadas. A noite culminará cunha queimada e unha foliada popular.

Pola súa banda, a AVV Adiante organizou en Igrexafeita un magosto veciñal que arrancará ás 20:30h coa música e os xogos do “Cantabaila” de LaGuaGua. Deseguido tamén se servirá unha cea gratuíta para persoas socias -non socias, 5€- a base de castañas asadas, empanada, xamón escaldado e postre. O último día para anotarse é este mércores 30 de outubro nos teléfonos 696 912 975 ou 650 484 580.

O seguinte magosto do que temos constancia é o que se celebrará o sábado 9 en Lamas organizado pola AVV Xuntanza. Para ese día, a partir das 14:00h, hai organizado un xantar con callos, castañas, postre e bebidas, ao prezo de 18€ as persoas socias, 22€ as non socias e de balde para a rapazada menor de 10 anos. Cómpre apuntarse antes do 4 de novembro no 618 838 760 ou 664 203 738.