Sunday 24 de November de 2024

O Concello dá un novo paso na adhesión á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde coa creación da mesa intersectorial


· Esta mañá, no Salón de Plenos, constituíuse este órgano co nomeamento da presidencia e secretaría da mesma.

· O obxectivo deste programa, impulsado polo Ministerio de Sanidade e a FEMP, é a promoción da saúde e a prevención co obxectivo de gañar anos de vida de calidade.

· Nesta mesa intersectorial están presentes diferentes concellerías do Concello de Camariñas, os centros educativos do municipio e as súas respectivas ANPAs, así como unha representación do ámbito da saúde.

O Concello de Camariñas deu hoxe un novo paso na adhesión á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, un programa promovido polo Ministerio de Sanidade en convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias, FEMP, que persegue a promoción da saúde e a prevención co obxectivo de gañar anos de vida en boa saúde e libre de incapacidade.

Propón o desenvolvemento progresivo de intervencións dirixidas a promover saúde, previr as enfermidades, as lesións e a discapacidade, actuando sobre factores como a actividade física, a alimentación e o benestar emocional.

Agora, vén de constituírse unha mesa intersectorial no municipio que servirá como instrumento de colaboración entre sectores para gañar saúde nun marco que envolva a todas as políticas que se leven a cabo. Neste organismo están representados tanto Concello, como centros educativos e as súas respectivas ANPAs e tamén o ámbito da saúde.

Integran a mesma: Fabián Canosa, concelleiro de Deportes; Begoña Tajes, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade; Sergio Caamaño, concelleiro de Urbanismo; Francisco José Puga, técnico de Deportes do Concello de Camariñas; Juan Ramón Canosa, monitor deportivo do Concello de Camariñas; Alianza Trillo, educadora familiar do Concello de Camariñas; Luis Carreira, Policía Local do Concello de Camariñas; Rubén Mosquera, director do CEIP O Areal; Teresa Barrientos, a directora do CEIP Plurilingüe da Ponte do Porto; Mª Benedicta Mouzo, directora do IES Plurilingüe Pedra da Aguia da Ponte do Porto; Enrique Charlón, director do CEIP de Camelle; Sandra Mouzo, presidenta da ANPA do CEIP O Areal de Camariñas; Silvia Lema, presidenta do ANPA do CEIP Plurilingüe da Ponte do Porto; María Jesús Suárez, presidenta da ANPA do CEIP de Camelle e Digna Rodríguez, coordinadora de enfermaría do servizo de Atención Primaria de Vimianzo. Fabián Mouzo será o presidente, namentres que Francisco José Puga será o secretario da mesma.

As actuacións que se porán en marcha nunha primeira fase céntranse en:
• Facilitar información de calidade para que todas as persoas poidan desenvolver estilos de vida saudables.
• Facilitarase información e colaboración dos recursos (sanitarios ou non) dispoñibles na zona para promover estilos de vida máis saudables.
• Focalizaranse estas accións en poboación infantil.

Entre as actividades que ten previsto desenvolver o Concello de Camariñas neste sentido están: Ioga Terapéutico, Saúde e Natureza, Camariñas Saudable ou Concello Activo.