Friday 22 de November de 2024

Actívanse as inscricións para a VII Andaina solidaria de Neda


Recadaranse fondos para apoiar o labor de AECC en Ferrol na loita contra o cancro

Dende este luns xa é posible inscribirse na VII Andaina solidaria de Neda. A marcha, que se organiza para recadar fondos para colaborar na loita contra o cancro, terá lugar o domingo 17 de novembro, e volverá xuntar a centos de persoas na localidade.
Segundo adiantaba hai días a organización, liderada por persoas voluntarias e polo Concello, a ruta saíra ás 11 horas das inmediacións do albergue de peregrinos de Neda, mantendo o lema “Os nosos pasos dan vida”.

Actívanse catro puntos para as inscricións. Así, as persoas que queiran sumarse á camiñada poderán apuntarse na Casa Consistorial de Neda, de luns a venres en horario matinal; nos despachos de Panadería Santa Rita no Portazgo (Neda) e na ferrolá rúa San Salvador (abertos a diario, ata as 14 horas) e máis nas instalación de Zanshin Sports, no Coto (Neda), luns e mércores de 17 a 19 h, e martes e xoves de 19 a 20.30h.

As persoas adultas (17 anos en diante) terán que aboar 10 euros polo dorsal e pola tote bag ou mochila conmemorativa da cita. O dorsal para o público infantil, a partir de seis anos, terá un prezo de 5 euros; idéntica contía á do dorsal solidario, destinado a aquelas persoas que queiran colaborar, pero non poidan participar na andaina.

Os fondos recadados doaranse á Asociación española contra el cáncer en Ferrol, servindo para apoiar a investigación médica, co obxectivo de superar o 70% de supervivencia, e colaborar na prestación de servizos para mellorar a súa calidade de vida dos pacientes oncolóxicos

Ao finalizar a camiñada, que contará co apoio da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda, distinguirase, unha vez máis, á agrupación/asociación máis numerosa e non faltarán os habituais sorteos de agasallos.