O Concello de Neda inicia mañá os traballos de mellora da biblioteca municipal. As obras, que incluirán o pintado e a substitución da totalidade das librerías existentes, deterioradas polo paso do tempo e, nalgún caso, pola presenza de polilla. e suporán o peche temporal dende este mesmo martes deste equipamento público ata que finalice a intervención.
De feito, tal e como apuntan dende Cultura, está previsto que mañá comece o baleirado das instalacións para proceder á desmontaxe das actuais estanterías, como paso previo ao acondicionamento e pintado das instalacións. Obviamente, o arranque dos traballo obriga a pechar as instalacións e suspender ademais o servizo de préstamo (poderanse facer devolucións, introducindo os libros pola rañura existente na porta).
Finalizadas as tarefas de acondicionamento da sala de lectura, instalaranse as 67 novas librarías do centro. Unha renovación do mobiliario, que busca facilitar o acceso e garantir unha axeitada conservación dos fondos bibliográficos, contribuíndo ademais a actualizar a imaxe da sala de lectura.
A intervención, que inclúe ademais a dotación de material informático para a realización de tarefas administrativas do persoal e de consultas por parte das persoas usuarias da biblioteca, está cofinanciada polo Concello de Neda e máis pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco da liña de axudas para a mellora dos locais utilizados para a realización de actividades culturais.
Por último, informan dende o Concello que as obras non afectarán ao normal desenvolvemento dos talleres semanais de memoria nin as reunións do Club de lectura. Estas actividades realizaranse, segundo o calendario fixado, cambiándose de localización dentro da propia Casa da Cultura.