Friday 22 de November de 2024

O pavillón da Gándara acollerá este venres o “X Torneo Cidade de Narón de fútbol sala”


O edil de Deportes, Ibán Santalla, e o secretario do club Cidade de Narón, Roberto Ortega, presentaron esta mañá no Concello a décima edición do “Torneo Cidade de Narón de fútbol sala”. O partido, no que xogarán o Cidade de Narón e a Selección galega sub 19 disputarase este venres, día 1 de novembro, no complexo polideportivo municipal da Gándara ás 12.30 horas. O Concello organiza a convocatoria co Cidade de Narón e en colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol. A entrada é de balde, ata completar o aforo.
Dende o club agradeceron a colaboración do Consistorio e da Real Federación Galega de Fútbol para poder disputar na cidade este partido amistoso cos xogadores da selección galega, adestrada ademais polo naronés Óscar Vigo. No equipo da citada selección hai ademais xogadores de concellos da comarca de Ferrolterra, tal e como recordaron dende o club local.
O concelleiro de Deportes destacou o labor do Cidade de Narón no ámbito deportivo da localidade e tamén a aposta tanto do club como da RFGF por disputar este partido en Narón. “Queremos animar ás veciñas e veciños a que acudan a este amistoso, para desfrutar do fútbol e animar aos xogadores”, asegurou Santalla.