O futuro de Nicaragua a través da óptica de Felipe Carnotto
Desde esta mesma semana podemos ver na galería da Casa do Concello a exposición fotográfica “Nicaragua: o futuro”, traída ata San Sadurniño polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mostra é froito do traballo de Felipe Carnotto -o fotógrafo ganador da edición de 2014 do concurso “Imaxes con Fondo II”- durante un mes de viaxe polo país centroamericano. Son 20 fotografías de grande formato nas que se aprecia unha perspectiva en chave persoal sobre a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación nicaraguana. Porén, a exposición complétana outros 4 paneis de carácter informativo sobre Nicaragua como país, pero tamén sobre o Fondo Galego de Cooperación, o Instituto de Promoción Humana (INPRHU) Somoto e a traxectoria profesional do autor.
No ano 2014, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanzou a segunda edición do concurso fotográfico Imaxes con Fondo, dirixido á cidadanía galega ou residente en Galicia a partir de 14 anos de idade. O concurso, aberto desde o 24 de abril ata o 15 de novembro de 2014, sumou un total de 58 participantes. O ganador da categoría de persoas adultas foi Felipe Carnotto, coa súa fotografía “Pesca sostible”.
Como premio polo seu galardón visitou Nicaragua en xuño de 2015 coa finalidade de coñecer os proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como a realidade do país centroamericano. Froito desa viaxe xorde esta exposición, na que plasma unha visión sobre a vida cotiá das e dos habitantes do país centroamericano a través da súa óptica persoal.
Durante a súa estancia en Nicaragua, Carnotto visitou os proxectos que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade leva a cabo co INPRHU-Somoto, unha das ONGD con maior percorrido histórico de Nicaragua e Centroamérica, dotada dunha estrutura totalmente descentralizada e autónoma, coa que o Fondo Galego apoiou un total de 17 proxectos.
A mostra “Nicaragua: o futuro” permanecerá na galería do primeiro andar da Casa do Concello ata o próximo 5 de marzo. Pode visitarse de luns a venres, de 8.30 a 14.30h. e os ábados de 9.30 a 13.00h.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos -entre eles San Sadurniño- e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación para o desenvolvemento. O seu obxectivo é a xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.