Friday 22 de November de 2024

Boqueixón abre inscricións na sexta Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, que terá lugar o sábado 9 de novembro


Incluirá unha exposición de retratos de mulleres da ilustradora Rosa de Cabanas, un testemuño dunha vítima de violencia de xénero y unha charla sobre violencia machista nas mulleres maiores

A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá o sábado 9 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, a VI Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, organizada polo CIM do Concello de Boqueixón en colaboración co Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A entrada é totalmente libre, se ben é preciso anotarse a través deste formulario: https://acortar.link/WnNDXK

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, será a encargada de dar a benvida ao público asistente, acompañada pola música de Bea Rodríguez e Marina Vidal, da Asociación Banda Musical de Ponteledesma. A primeira charla servirá para presentar o proxecto “Mulleres Valentes”, da estradense Rosa de Cabanas. Esta mostra busca e divulgación de mulleres activas en moitos ámbitos e, na súa maior parte, descoñecidas para o público en xeral. Científicas, escritoras, xornalistas, artistas de distintas disciplinas, activistas represaliadas, mulleres traballadoras… conforman esta exposición artística composta por vinte retratos e que poderá visitarse na propia Casa da Cultura de Camporrapado.

Ás 17:45 horas, Cristina Carbajales, directora do CIM, presentará a segunda ponencia da tarde: “A violencia machista nas mulleres maiores”, a cargo de Nieves González Mujico, educadora familiar e psicóloga do Concello de Touro. Unha nova actuación de Bea Rodríguez e Marina Vidal dará paso a un novo testemuño dunha muller sobrevivinte de violencia de xénero. Nesta ocasión será María del Mar Álvarez Baamonde, veciña de Arteixo, quen será presentada por Yolanda Neira, psicóloga do CIM.

O alcalde Ovidio Rodeiro será o encargado de clausurar a xornada, tras o cal Bea Rodríguez e Marina Vidal realizarán unha última actuación. Na entrada da Casa da Cultura estará dispoñible a exposición “Mulleres valentes, selección de 20 retratos”, de Rosa de Cabanas; así como un photocall pola igualdade. Máis información: 981 51 30 61 ou cim@boqueixon.com.