Coincidindo co 60 aniversario do seu falecemento, o escritor e xornalista será o protagonista da tradicional ofrenda floral
Tamén se recordará a Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal, fundadores da editorial Lar en novembro do 1924, hai un século
Ao remate do percorrido, farase unha ofrenda floral no monumento aos Mártires pola Liberdade
O Concello da Coruña levará a cabo este venres día 1 de novembro a tradicional ofrenda floral de Todos os Santos, no Cemiterio Municipal de Santo Amaro. Wenceslao Fernández Flórez foi a figura escollida polo Concello para a homenaxe coincidindo co 60 aniversario do seu falecemento. “Fernández Flórez é unha das figuras que mellor explica a identidade coruñesa. Cultivou as letras dende diferentes perspectivas, ben como xornalista ou novelista, e regalounos mesmo obras que pasaron á historia do cine español como ‘O bosque animado’”, explicou a alcaldesa, Inés Rey.
O Concello tamén lembrará a Ánxel Casal e a Leandro Carré Alvarellos, fundadores da editorial Lar no ano 1924 e que este mes de novembro cumpre 100 anos da súa fundación. “Leandro Carré e Ánxel Casal fundaron hai un século unha editorial considerada o primeiro proxecto moderno en clave galega, froito da traxectoria galeguista cultivada na nosa cidade en faladoiros como A Cova Céltica”, sinalou Rey. A rexedora destacou que a primeira publicación da editorial Lar, posteriormente editorial Nós, foi o título ‘A miña muller’, novela de Wenceslao Fernández Flórez: “É unha casualidade pero que precisamente mostra a tradición e historia coruñesa, con grandes ilustres que contribuíron a construír a nosa cultura”. Ánxel Casal foi, ademais, alcalde de Santiago de Compostela e vítima do franquismo, represaliado e asasinado no 1936 polo réxime.
Inés Rey presidirá a cerimonia solemne que comezará, como cada ano, na Cruz dos Esquecidos, desta vez coa actuación da Coral Polifónica ‘El Eco’. O percorrido rematará coa tradicional ofrenda no monumento aos Mártires pola Liberdade, en recordo a todas as vítimas do franquismo na Coruña.