Friday 22 de November de 2024

O ciclo teatral do outono arranca na Pobra coa función As alumnas


Cinco funcións integran o ciclo teatral do outono que se desenvolverá na Pobra do Caramiñal durante o mes de novembro e a primeira semana de decembro. Compañías de renome de toda Galicia levarán o seu talento ás táboas do Elma ao abeiro dunha programación deseñada pola Concellaría da Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

En palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, “o teatro continúa na Pobra do Caramiñal coa axenda cultural do outono. Tivemos moita dramaturxia nas últimas semanas coa vixésimo sexta edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán e agora asistiremos a representacións doutra natureza. Comezamos este novo ciclo cunha premiada función que pon a atención na memoria histórica. É un convite á reflexión a través das artes escénicas, algo que se repetirá nas vindeiras semanas.”

A función As alumnas, de Culturactiva Producións, marcará o inicio no domingo, 3 de novembro, ás 19.00 horas. Esta peza versa sobre dúas antigas alumnas de María Barbeito que se atopan novamente trala morte da mestra en 1970. Atrás quedan a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a apartase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas estudantes que lle escribiron cartas en que lle narraban as súas vidas. A través desa correspondencia, o público asiste a unha historia de xustiza social, memoria histórica e mulleres que loitaron pola educación e igualdade en Galicia. Foi distinguida co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, co Premio Follas Novas 2023 ao mellor libro de teatro e co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade.

Como xa é habitual, a entrada é libre ata completa-la cabida.