Friday 22 de November de 2024

Máis de medio cento de persoas gozaron da Festa do Magosto no centro de día de Lousame


Máis de medio cento de persoas, entre maiores e familiares, participaron na tarde do venres na tradicional Festa do Magosto do centro de día de Lousame. A festa contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, que amosou moi satisfeita “pola activa participación dos nosos maiores na celebración, non só bailando e cantando as distintas pezas, senón compartindo experiencias cos veciños e veciñas que se achegaron ata o centro de día”.

A concelleira agradeceu tamén a colaboración, un ano máis, do voluntariado de Lousame e do grupo de gaitas “O son do Pote” (Tállara), que interpretou varias pezas e non foron poucas as persoas que se animaron a botar unhas bailas. Un grupo de voluntarias sénior de Lousame, encabezado polo técnico municipal de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, e coa colaboración das voluntarias europeas Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu, foi o encargado de elaborar as castañas, que se degustaron tras a actuación musical nunha merenda para repoñer forzas complementada con rosca, galletas, zumes e refrescos.