Ante o nefasto funcionamento do servizo de transporte público, o Concello de Oleiros propón aos municipios da comarca da Coruña que non renoven o convenio do transporte ata que a Xunta se sente cos alcaldes a escoitar as demandas da cidadanía e resolva, cando menos, as principais carencias existentes. Ese convenio obriga aos concellos a confinanciar o servizo -200.000 euros anuais no caso de Oleiros- polo que non é de recibo seguir tolerando durante máis tempo un servizo de transporte público tan deficitario.
De persistir a intransixencia da Xunta, o Concello de Oleiros non só propón non renovar o convenio senón que se debería iniciar o proceso de creación dun consorcio de transporte dos concellos coa cidade, para crear o verdadeiro servizo que necesita a cidadanía neste momento, deixando atrás políticas localistas e curtoplacistas. O contrato do transporte do Concello da Coruña finaliza o próximo ano, polo que se trataría dunha oportunidade histórica de construír un novo modelo, existindo ademais importantes fondos europeos para este tipo de iniciativas. O actual deseño de liñas unidireccionais ao centro da cidade está totalmente obsoleto ante as necesidade reais da poboación de desprazarse a polígonos, universidade, outros municipios, outros barrios da cidade…
O Concello de Oleiros tampouco está disposto a asumir durante máis tempo o custo de mantemento da liña supramunicipal que vai de Lorbé ao Burgo e dá servizo a 3 concellos (Oleiros, Cambre e Culleredo); un bus dun escaso uso no en Oleiros, sendo os principais usuarios da liña os cidadáns de Cambre e Culleredo. Por tratarse dun servizo claramente supramunicipal, debería ser a Xunta a que o financiase na súa totalidade. “Nós imos deixar de facelo, e empregaremos os 80.000 euros anuais que nos custa para crear unha liña interna en Oleiros, que realmente sexa de interese propiamente municipal”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
O servizo de transporte funcionou historicamente mal e neste momento está peor que nunca. As frecuencias son escasas polo que os buses están totalmente saturados, hai continuos retrasos,… Non se está atendendo á demanda de mobilidade da cidadanía. A responsable desta situación é a Xunta de Galicia, que ten as competencias en transporte en todos os Concellos de menos de 50.000 habitantes. A Consellería de Presidencia está a actuar cun desprezo total cara os milleiros de cidadáns que sufren a diario o pésimo servizo.