• Haberá unha yincana, varios obradoiros, un concurso de cabazas e outro de disfraces.
O Concello de Cariño celebrará o Samaín no Mercado Municipal este sábado, 2 de novembro, cun programa cargado de actividades que dará comezo a partir das 17:00 horas.
A programación contempla unha yincana terrorífica, varios obradoiros e dous concursos, un de cabazas e outro de disfraces. Para participar en ambos os concursos, os interesados terán que traer os disfraces e as cabazas preparadas previamente de casa.
Ademais, tamén se poderán degustar varios produtos típicos destas datas, por exemplo as castañas asadas. Todas as actividades do programa serán gratuítas e están dirixidas a todos os públicos.
A actuación de Xoán Curiel e a celebración do Día das Bibliotecas pechan a semana en Cariño
A semana pasada levaron a cabo varias actividades no Concello de Cariño. O xoves, 24 de outubro, con motivo do Día das Bibliotecas, a biblioteca municipal organizou a actuación ‘Imos ao recreo’, coa que gozaron os alumnos e alumnas do CEIP Manuel Fraga Iribarne.
Doutra banda, o sábado celebrouse no Auditorio Municipal o espectáculo musical e teatral ‘Conto-Concerto’, da man do artista Xoán Curiel. A actuación, que contou con entrada gratuíta, estivo orientada ao público infantil, que puido gozar do relato dunha historia que mesturou varios estilos musicais.