Unha delegación integrada por representantes da Xunta, das tres universidades públicas galegas e dos dez centros de investigación da Rede CIGUS participarán esta semana nunhas xornadas en Biscaia sobre o papel que xogan estes centros no eido científico
Galicia potencia os seus centros de investigación universitaria que conforman a Rede CIGUS de excelencia científica cun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías con centros de investigación do País Vasco que comezará mañá.
Unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros de investigación universitaria que integran a
Rede CIGUS da Xunta participarán durante tres días nunhas xornadas para afondar no papel que xogan estes centros como axentes científicos de primeiro nivel.
As xornadas, que arrancan mañá luns e se desenvolverán ata o xoves, servirán para que ambas delegacións intercambien experiencias sobre o ecosistema de investigación, a xestión organizativa e científicos destes centros e identifiquen boas prácticas e iniciativas inspiradoras e atopar oportunidades de networking.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP participará na apertura das xornadas xunto co conselleiro de Ciencia, Universidades e Investigación do Goberno Vasco, Juan Ignacio Pérez, e co general manager da Fundación Vasca para a Ciencia Ikerbasque, Miguel A. Arocena.
Dez centros punteiros en Galicia
Os dez centros da Rede CIGUS que participan neste intercambio son pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Na visita ao País Vasco, a delegación galega visitará a Fundación para a Ciencia (Ikerbasque), o Instituto Biofisika- Fundación Biofísica Biskaia, Achucarro Basque Center for Neuroscience, Tecnalia, CICbioGuUne, CIGNanoGUNE, Basque Center on Cognition Braing and Language (BCBL) e Basque Research and Technology Aliance (BRTA).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.