Deste xeito, volveranse integrar a actividade docente, a clínica e a investigadora na mesma área
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que se construirá unha nova facultade de Medicina e Odontoloxía para a Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se situará na contorna do hospital Gil Casares, integrado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
“Esta facultade, que ten case catro séculos de historia, leva desde 1928 no seu edificio da rúa San Francisco, en pleno casco histórico compostelán”, recordou o presidente. No seu día trasladouse a ese emprazamento para que estivese preto do antigo hospital clínico, na rúa de Galeras, que pechou en 1999.
“Queremos facer na segunda década do século XXI o mesmo que se fixo na terceira década do século XX”, dixo Feijóo. Isto é: situar a facultade de Medicina cerca do hospital, integrando así na mesma área a actividade docente, a clínica e tamén a investigadora, pois pola zona da Choupana tamén están centros de investigación biosanitaria coma o Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus) e o Centro de Biomedicina Experimental (Cebega), que entrará en funcionamento pronto. Todos eles agrúpanse no biocluster das ciencias da saúde Campus Vida.
Plan básico
O conselleiro de Sanidade informou ao Consello da Xunta da sinatura dun convenio de colaboración coa USC para licitar, adxudicar e executar o plan básico de construción do edificio que albergará a facultade de Medicina e Odontoloxía e, posiblemente, tamén a de Enfermería.
Segundo este acordo, a Universidade convocará un concurso para a redacción do proxecto básico, que a Xunta financiará cunha contía máxima de 60.500 euros. Despois haberá que facer o proxecto construtivo e, en último lugar, unha “operación complexa”, tal e como indicou o presidente, como é ampliar o hospital de Conxo para buscarlle situación ás instalacións do hospital Gil Casares.