As bibliotecas son un punto de encontro arredor das letras, unha plataforma para a difusión do coñecemento. Baixo esta premisa, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal quixo conmemora-lo Día das Bibliotecas 2024 con dúas accións.
Se ben esta efeméride ten por data o 24 de outubro, o público familiar tivo ocasión de asistir a un contacontos na biblioteca municipal Victoriano García Martí na tarde do día 23: Contos de sapos, bruxas e curuxas, con Paula Carballeira, ao abeiro do programa Ler Conta Moito.
E, no propio día 24, tamén se quixo premia-las persoas máis lectoras da Pobra atendendo ao número de libros lidos solicitados en préstamo na dita biblioteca dende o Día das Bibliotecas do pasado ano. As distincións foron parar a Juana Lago Suárez, con 108 lecturas, na categoría adulta, e a Pablo Morao López, con 139 lecturas, na infantil.
O alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e a bibliotecaria municipal, Loló Fernández, fixeron entrega dos agasallos consistentes en cadanseu diploma e lote de libros.
“Queremos seguir fomentando a viaxe polo mundo das palabras e estimula-la imaxinación. Por iso, á sesión de contacontos que temos habitualmente por estas datas, decidimos incorpora-la distinción ás persoas máis lectoras do noso concello. E, para tal ocasión, non hai mellor premio ca máis lecturas coas que desfrutar e un diploma. Consideramos que este tipo de accións serven de incentivo entre a poboación para ler máis e animarse a adquiri-lo hábito lector”, en palabras da edil.
Pola súa parte, o rexedor amosou o orgullo que representa ter unha biblioteca municipal das características da pobrense, onde desempeñou gran parte da súa traxectoria profesional, e polo número de persoas usuarias da mesma.
E, tanto Juana coma Pablo, amosaron a súa satisfacción pola recompensa.