• O alcalde de Abegondo convocou a reunión para “facer forza conxunta”
• Os Concellos loitarán pola cobranza de atrasos do IBI, a actualización catastral da autoestrada e bonificacións para as persoas empadroadas
Co obxectivo de axuntar forzas, o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, impulsou unha nova reunión dos Concellos galegos afectados polo paso da AP-9. A cita tivo lugar hoxe na casa do concello abegondesa, coa participación dun total de 22 concellos.
Acudiron Abegondo, Ames, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, A Coruña, Ferrol, Mesía, Miño, Mos, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Pontedeume, Portas, Teo e Valga. Estaban confirmados, pero finalmente non puideron asistir Culleredo e Pontecesures.
Os Concellos decidiron constituírse en asociación de afectados para “reivindicar vos nosos dereitos tras 50 anos de agravios”, apuntou Santiso. O traballo empezarase de inmediato coa redacción dos estatutos, que terán que ser aprobados por cada concello integrante. Trasladarase esta posibilidade ao resto de Concellos polos que pasa a AP-9 aínda que hoxe non acudisen por se queren sumarse.
Con esta agrupación, son tres frontes polos que loitarán os concellos afectados. En primeiro lugar buscarase a cobranza de atrasos do IBI. Corresponden ao últimos catro meses do ano 2023, desde que en agosto finalizou a exención do 95% que a concesionaria tiña por unha lei da época franquista.
As administracións recadatorias, que na maioría dos casos son as Deputacións, aplicaron a cobranza do 100% só desde xaneiro do 2024, ao considerar que o pagamento se realiza por ano natural. Pero tomando como base que o Concello de Valga acaba de lograr cobrar tamén eses catro meses últimos de 2023 solicitándoo de forma individual, tratarase de pedir o mesmo.
O alcalde de Pontedeume, e membro do goberno provincial da Coruña, Bernardo Fernández, avanzou que se estudará esta reclamación. No caso dos municipios desta provincia, eses catro meses supoñería unha cifra de 3,7 millóns.
En segundo lugar, a asociación defenderá #ante o Catastro a actualización catastral das infraestruturas da AP-9. A última data de 2007. Pero se a maioría dos cidadáns experimentou unha actualización das súas propiedades, tamén é “xusto” que se estenda á autoestrada. Isto redundaría nun incremento da contía do IBI.
E en terceiro lugar, os Concellos explorarán a vía de petición de bonificacións aos seus cidadáns polo uso da AP-9. Servirán de exemplo outros casos, como o de Navarra, que está establecida ás persoas empadroadas.
Con esta acción, os Concellos “queremos facer forza conxunta”, resume Santiso, que agradece a implicación lograda entre todos os asistentes.