Friday 22 de November de 2024

Neda celebrará o 17 de novembro a VII Andaina solidaria para recadar fondos para a investigación contra o cancro


A partir do próximo luns ábrense as inscricións para participar nesta camiñada, a beneficio de AECC en Ferrol

En marcha os preparativos para a VII Andaina solidaria de Neda. Xa hai data oficial. A camiñada, destinada a recadar fondos para colaborar na loita contra o cancro, terá lugar o domingo 17 de novembro, e aspira a volver xuntar a centos de persoas na localidade. A partir do próximo luns ábrense as inscricións.

A organización, liderada por persoas voluntarias e polo Concello, vén de anunciar a data da iniciativa, que se retrasa unhas semanas con respecto a edicións precedentes. A ruta saíra ás 11 horas das inmediacións do albergue de peregrinos de Neda, mantendo o lema “Os nosos pasos dan vida”.
A partir do luns 28 de outubro será posible inscribirse na Casa Consistorial de Neda, de luns a venres en horario matinal; nos despachos de Panadería Santa Rita no Portazgo (Neda) e na ferrolá rúa San Salvador (abertos a diario, ata as 14 horas) e máis nas instalación de Zanshin Sports, no Coto (Neda), luns e mércores de 17 a 19 h, e martes e xoves de 19 a 20.30h.

O público adulto (17 anos en diante) terá que aboar 10 euros polo dorsal e pola tote bag ou mochila conmemorativa da cita. O dorsal para o público infantil, a partir de seis anos, custará 5 euros. Por último, habilitarse un dorsal solidario- tamén cunha cota de 5 euros- para todas aquelas persoas que, polo motivo que sexa, non poidan sumarse á marcha, pero que queiran colaborar coa causa.
Como en edicións anteriores, os fondos recadados doaranse á Asociación española contra el cáncer en Ferrol, servindo para apoiar a investigación médica, co obxectivo de superar o 70% de supervivencia, e impulsar servizos que brinda a entidade aos pacientes oncolóxicos para mellorar a súa calidade de vida.
Ao finalizar a andaina, que contará co apoio da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda, distinguirase, unha vez máis, á agrupación/asociación máis numerosa e non faltarán os habituais sorteos de agasallos.