Friday 22 de November de 2024

O Concello de Santiago colabora con Ourives de Compostela para garantir a autenticidade do acibeche e restaurar pezas antigas


O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, colaborará coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela no desenvolvemento das accións incluídas no plan estratéxico da entidade en canto ao control da autenticidade do acibeche e a recuperación de pezas antigas. Así se recolle no convenio que hoxe asinaron a concelleira María Rozas e o presidente de Ourives de Compostela, Enrique Fink. O acordo contempla unha achega municipal para eses proxectos de 20.200 euros.

María Rozas amosouse moi satisfeita coa sinatura deste convenio que permitirá “darlle efectividade ao Plan Estratéxico de Ourivería acordado hai uns anos de forma unánime pola Corporación municipal”. “O noso obxectivo é garantir e apoiar a autenticidade das pezas de acibeche que se traballan en Santiago para darlle esa confianza ao consumidor e tamén visibilizar as propias pezas e o traballo que se fai desde a ourivería”, salientou. A concelleira tamén agradeceu o labor de Ourives de Compostela por “poñer en valor este oficio tradicional e tamén o noso patrimonio, xa que é algo que forma parte da nosa identidade” e destacou o papel da Universidade de Santiago neste proceso, que constitúe un exemplo de colaboración entre institucións e o tecido asociativo.

Control da autenticidade

A través do convenio asinado hoxe, o Concello de Santiago implícase no desenvolvemento de diferentes accións previstas no plan estratéxico de Ourives en Compostela. No que tén que ver co control da autenticidade do acibeche, dos traballos encargarase o iMATUS, o Instituto de Materiais da USC. En concreto, poránse en marcha sistemas de análise da autenticidade e pureza do acibeche, realizaráse unha auditoría do acibeche comercializado baixo a marca de Ourives de Compostela, faráse o control individual de pezas significativas que contarán cun certificado acreditativo, e verificaránse os talleres capacitados para elaborar piezas de acibeche, por posuir a materia prima da calidade necesaria e contar co instrumental axeitado. Tal e como explicou María Rozas, “trátase de frear a devaluación das pezas de acibeche e a desconfianza no consumidor, tendo en conta que segundo diferentes informes entre o 60 e o 80% das pezas comercializadas en todo o mundo como acibeche non o son en realidade”.

Rehabilitación de pezas antigas

A segunda liña de traballo prevista no convenio tén que ver coa posta en marcha dun programa de rehabilitación de piezas antigas, seguindo técnicas tradicionais e coa participación e asesoramento dos mestres ourives con máis anos de experiencia. O obxectivo é garantir a transmisión desta maneira de traballar, vinculada sobre todo ás pezas eclesiásticas e ás grandes pezas civís, formando novos ourives que garantan a transmisión de saber. Ao tempo, trátase de poñer en valor e difundir o patrimonio ourive de Santiago, e de garantir a súa axeitada conservación.

O convenio asinado hoxe ten unha dotación de 20.200 euros.

Ourives de Compostela

A Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela agrupa aos gremios de artesáns da pratería, xemoloxía, reloxería, ourivería, acibechería e aos comercios deses sectores da comarca de Santiago. O seu obxectivo é representar, defender e promocionar os intereses profesionais e económicos deses gremios, a través de diferentes actividades como feiras e exposicións. A Asociación tén en marcha un plan estratéxico para a posta en valor do oficio, e para o seu seguimento constituiuse unha comisión integrada pola propia entidade, a Universidade de SAntiago, e as administracións autonómica, provincial e local.